San Benito, o máis milagreiro

Sonia Á. Ferro OURENSE

CORTEGADA

PILI PROL

En directo | Multitudinarias romerías en toda a provincia No día de onte rindiuse tributo a san Benito en oito localidades ourensás, das que destacaron Piñor, Cortegada e Laias

11 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A ermida de San Benito de Cova de Lobo aséntanse a sete kilómetros de Ourense, preto de Piñor, nun lugar de difícil orografía e cheo de penedos. Ata alí achegáronse onte unhas dez mil persoas a escoita-las misas que polo santo se ofreceron en todo o día. Dende as cinco da mañá comezaron a chegar en peregrinaxe os primeiros devotos aínda que predominaron os que foron en coche. Estes fieis foron pedirlle ó Santo todo tipo de favores, como que lles quite as verrugas, este é o máis extendido, ou que lles sane os bocios, manchas de pel, feridas ou incluso tumores. Conta Aquilino Rodríguez, párroco de Piñor, que o caso máis sorprendente foi o dunha muller que se ofreceu ao santo e que en poucos días estaba curada dun cancro de útero. As orixes desta tradición sitúanse na alta Idade Media que foi cando se erixiu o primitivo santuario, pero foi nos séculos XVII e XVIII cando se consolidou polo párrocos de Piñor. Nesta romería houbo un total de 7 curas, 14 misas e unha cantidade inxente de cirios e velas. Todo rodeado de rosquilleiras e pulpeiros con pan, doces, polbo e viño para calma-la fame dos camiñantes . A San Benito os seus fieis ofrécenlle ovos, cartos e tamén aceite. Hai quen lle adica a súa vontade de cambiar e esta soe ser a promesa más díficil de cumprir. Se ben é certo que o que máis abonda nesta romería é a fe e a crenza relixiosa. Fe dos que se achegan a este santuario a falaren co seu «San Benitiño» coa confianza propia dos que se saben escoitados. Ademais da localidade de Piñor, hai outras moitas na comarca de Ourense nas que tamén se venera a este santo. Este é o caso de Moldes en Borborás, de Fonsanta en Melón, de Cuñas en Leiro, de Cortegada ou de Laias en Cenlle. E é que, tratándose do santo máis milagreiro, tódalas ofrendas posibles lle son poucas.