Vento Mareiro

La Voz

CORTEGADA

VÍTOR MEJUTO

JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA Catoira acolle un tipo único de muíño, que non se repite alén da comarca do Baixo Ulla

29 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Sí, tamén en Galicia hai muíños de vento. Ata fai ven pouco máis dun cento espallados polo noso litoral. Lamentablemente moitos non se conservan e outros se atopan nun deplorable estado de abandono. E é que éstes non son tan grandes, ricos e sofisticados como os de mareas ou algunhas aceñas de río: a meirande parte dos muíños de vento non se constrúen por encargo dun mosteiro ou dunha casa nobre senón que son producto da necesidade de moitos labregos que no verán, ó secar os regatos, vían peligrar o seu abastecemento. A solución estaba en aproveitar outra fonte de enerxía e construir aparellos que non requerisen unhas condicións especiais nin fosen tan custosos como os de mareas. No noso litoral vento hai dabondo, para proba a presencia dos controvertidos parques eólicos, unha das señas de identidade do actual Goberno galego. Os de Catoira son dun tipo que non se volve a repetir alén do Baixo Ulla: trátase de muíños de torre nos que a cuberta non xira para orientar as aspas cara a dirección do vento, como sucede có resto dos muíños de vento, senón que se mantén fixa e é toda a edificación a que se orienta ós ventos dominantes. A construcción, sinxela: de planta cilíndrica, os muros a base de cachotes con rachas -pode que nalgún tempo revestidos con algún tipo de mortero- reservando a pedra de cantería para o dintel da porta, único van de todo o edificio. Sobre os muros aséntase un sólido tellado a dúas augas. Esta economía de medios repítese no interior, dunha soa planta, onde se distribúen os mecanismos da moenda, tamén cun esquema simple. A silueta pétrea dos muíños de Trasdaveiga érguese no horizonte das terras do Ulla. O entorno é impresionante. A un lado as Torres do Oeste, ao outro o comezo da ría coa maxestuosa Cortegada de fondo. O peor: os galpóns de bloques sen revestir, os recheos nas marxes do río e un senfín de vertedoiros improvisados que atomizan a paisaxe. Esperemos que a cousa vaia cambiando e estes ancestros dos actuais aeroxeradores, auténticas esculturas do vento, teñan o escenario natural que se merecen.