Os nenos e su saúde mental
Nos últimos tempos fálase moito de saúde mental, de cifras alarmantes, de listas de espera e de falta de recursos. Pero poucas veces se pon o foco na infancia. O sucedido coas obras do CEIP Padre Crespo, unha escola do rural, en Xunqueira de Ambía non é un feito illado, senón o reflexo dunha realidade máis ampla: as decisións que afectan directamente aos nenos seguen tomándose sen valorar abondo o seu impacto emocional, educativo e psicolóxico. A esta situación súmase a escasa resposta da Administración, que ante un problema que altera o día a día das crianzas ofrece silencio, respostas tardías ou solucións insuficientes.
Nestes casos, os protocolos existentes tan presentes nos documentos oficiais se converten en papel mollado cando chega o momento de aplicalos. Hai normas e procedementos, pero falta acción, seguimento e unha verdadeira vontade de poñer no centro o benestar da infancia.
A isto engádese o feito de ir comunicando prazos diferentes, cambiar reiteradamente as datas de entrega e non ofrecer, seis meses despois, unha data clara de finalización das obras. Esta falta de planificación e de compromiso co tempo non é un detalle menor: xera incerteza, desgaste emocional e unha sensación de abandono.
A escola non é só un edificio. É un espazo de seguridade, de rutinas, de vínculos e de aprendizaxe emocional. Alterar ese espazo durante meses, sen información clara nin solucións estables e sen unha intervención áxil e responsable por parte da Administración, é minimizar a importancia do que alí acontece cada día. E o que acontece na infancia deixa pegada. No rural a escola adoita ser moito máis ca un centro educativo: é un lugar de encontro, de cohesión social e de identidade comunitaria. Cando estas escolas non reciben unha atención proporcional nin unha resposta eficaz, transmítese a mensaxe de que hai infancias de primeira e de segunda, dependendo do lugar onde medren. C.R. Allariz.
As ideas que din ¿progresistas?
Quero manifestar o meu profundo desacordo coa decisión do Concello de Santiago, que se define de esquerdas, de substituír o tradicional nacemento na Praza do Obradoiro por unha decoración allea ao significado histórico do Nadal e aos valores que este representa.
O nacemento non é só un símbolo relixioso. É tamén unha representación cargada de valores universais que teñen moito que ver coa tradición humanista e social: a solidariedade cos máis humildes, a dignidade das persoas sinxelas, o amor, a acollida e a grandeza que pode existir na pequenez... Un neno nacido nun cortello porque a súa familia non foi acollida é unha imaxe profundamente ligada á idea de xustiza social e á defensa dos últimos, valores que historicamente foron tamén bandeira da esquerda.
Eliminar este símbolo da rúa en nome dunha suposta neutralidade non supón avanzar cara a unha sociedade máis plural nin máis xusta, senón empobrecer o espazo público, rompendo coa nosa memoria colectiva e coa tradición cultural que forma parte da historia do Nadal, independentemente das crenzas individuais.
A substitución por figuras alleas á nosa tradición e importadas dun imaxinario orixinado en gran parte con fins comerciais non contribúe á reflexión senón que banaliza unha celebración que ten unha fonda raíz histórica e social. Considero esta decisión un erro e animo ao Concello a reflexionar sobre o significado real do Nadal e sobre a importancia de preservar símbolos que transmiten valores humanos e sociais. Chusa Pérez de Vallejo.