O cómico chega ao Claustro do Convento de Celanova cun espectáculo diferente ao de hai dous anos
02 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Carlos Blanco actuará en Celanova cun espéctaculo totalmente renovado e nunca antes visto. Non é a primera vez que o artista leva a súa obra á provincia de Ourense. A actuación terá lugar no Claustro do Convento de Celanova o 7 de agosto as 22.30 horas. A entrada ten un coste de 13 euros por persoa.
—Como pasa o verán ademais de traballando?
—Este ano por sorte teño bastante tempo libre, porque levaba como tres veráns rodando. O ano pasado rodei O caso Asunta, normalmente polas noites, polo día facía teatro. Pasei un verán bonito por un lado porque fixen cousas moi chulas, pero moi cansado.
—O traballo e menos traballo se se actúa en A Lanzada ou no claustro de Celanova como é neste caso?
—Esto está clarísimo, eu de feito podería xubilarme xa. Teño 65 anos e levo 35 cotizados, non me xubilo poque prefiro seguir traballando, xa que me gusta o que fago. En agosto vou actuar nun claustro marabilloso en Celanova, nunha praia preciosa, no parque de Santa Margarita en A Coruña con Touriñán, Lucía Veiga, Perdomo… Despois na casa de Touriñán na súa aldea con un montón de amigos como David Amor, Javi Veiga… son privilexios. Fai tempo que considero que non hai nada mellor que traballar no que a un lle gusta. Coido que non se pode pedir máis que o poder traballar con amigos. Bueno, que che paguen aínda por riba, pero sobre todo as dúas primeiras cousas parecenme fundamentais. Deixarei de traballar cando o público deixe de vir aos meus espectáculos.
—Para descansar, segue optando por Vilagarcía?
—Eu vivo na illa e alí paso o verán porque é o mellor lugar. Aínda que temos moitísimo turismo en todos os puntos de Galicia, non se pode por un toldo a sitios tan chulos. Un día normal para min é coller a bici cedo pola mañá e facer 15 kilómetros ata Vilagarcía. Alí xogo un partido de pádel e ao rematar regreso en bicicleta co cal fago como tres horas e media de deporte. Moitas veces pégome un baño diante da miña casa, porque teño a sorte de vivir diante do mar. Pola tarde reláxome, adícome a ver deportes, son un vicioso. Na casa quéixanse porque podo ver un partido de waterpolo e a continuación hockey herba, non teño problema. Eu por sorte no verán vivo en bicicleta e síntome moi privilexiado por non ter prácticamente que tocar o coche, xa que durante o ano fago moitísimos kilómetros. Teño que decir a verdade, é eléctrica. A miña familia ten unha tenda de bicicletas polo que é unha cuestión familiar. Algúns din que é unha trampa, pero eu pedaleo e a verdade é que me esforzo. A ventaxa dunha bici eléctrica é que para unha persoa coma min, que ten 65 anos, é volver a recuperar as sensacións de cando eras un rapaz. Eu cando era neno non me preocupaba se había costas arriba, podía con elas. Agora, grazas á bici eléctrica chego e súboas. É unha sensación moi de Verano Azul, de recuperar dalgunha maneira a infancia. A miña bici eléctrica é a miña compañeira de vacacións, recomendoa moito.
—Non é a primeira vez que actúa en Celanova. Que supón para vostede levar o humor ata a provincia de Ourense?
—Celanova sempre foi moi especial. Actuar neste claustro sempre é moi chulo, pero non só para min, tamén para o meu equipo técnico porque fan un traballo increíble de iluminación nese espazo, acusticamente é unha pasada. É unha sensación moi bonita a de actuar para catrocentas ou cincocentas persoas. Creo que xa van como trescentas entradas vendidas, é unha marabilla esa resposta do público ourensán. Creo ademáis que actuar no verán en Ourense é especialmente interesante porque a verdade é que fai moito calor, pero hai moita xente que vai de vacacións, xa que traballan fora. Probablemente é a opción que teñen de vernos, xa que é moi complicado que Touriñán e eu vaiamos a actuar a Barcelona, por exemplo. Creo que algunha vez temos ido, pero é moito máis difícil. Nótase especialmente ese público que é moi cariñoso e agradecido co que facemos.
—Que vai poder ver o espectador na actuación do 7 de agosto en Celanova?
—Algo que non viron. Dende fai como un ano vou cunha pantalla de leds que me permite traballar con imaxes, iso permitiume incorporar repertorio novo. Será unha mestura cos meus, entre comas, grandes éxitos. A min pasame un pouco como aos que levan moitos anos. Imaxina que Raphael vai actuar e non canta Mi gran noche, o público non llo perdoaría. A min pásame un pouco o mesmo, teño monólogos como Queres kiwis? ou Galizara que polo menos un teño que facer. Eu tamén son dos que se vou ver a Rosendo quero que me toque Agradecido, se vou a Drexler Todo se transforma... A min botame o disco novo se queres, pero se vou ver a Springsteen quero escoitar Born to run e se vou ver aos Rolling pois Satisfaction. Somos así, pero é certo que a pantalla permíteme xogar con imaxes e para o público é moi atractivo. Os monólogos se teñen algún defecto é que visualmente son pobres. O outro día actuei en Ribadavia, pero non puiden levala. Podo facelo agora en Celanova polo que vai ser un repertorio totalmente diferente, tamén ao que fixen fai dous anos alí.
—Cales son os seus trucos para facer rir ao espectador?
—Vouche ser moi sincero: non teño nin idea. Supoño que é un don, quero dicir máis vale ser gracioso que caer en gracia. Creo que teño ese don para facer rir á xente. Se o pensas eu son da época do insulto, de ser o hazmerreir, pero bueno é clasista como outros moitos que hai. Aceptei fai anos ter ese don que me brota sen ter que esforzarme demasiado. Non sempre estás igual de inspirado. Eu sempre poño o exemplo dos xogadores de baloncesto. Os tiradores de tres hai días que meten nove de cada dez tiros e outros que encestan un sendo a mesma man. Simplemente hai días que están mais acertados, co humor pasa igual. Algunhas veces colocas os chistes dunha forma que brotan. O público é fundamental, as ganas que teñan de rir. Se probas a facer humor nun tanatorio verás que é moi complicado, porque non é o lugar nin o momento. É fundamental tamén que paguen. Cando actúo sen que o espectador compre a entrada, que o teño feito, non poñen o mesmo interés, nin ganas ou atención. É fundamental que paguen para que poñan tamén da súa parte, porque no humor o 50 % do traballo faino o que escoita. Se non estás de boas non vas rir, tes que por da túa parte. Eu son incapaz de facer rir a quen non quere, só podo a quen vai con certa predisposición a pasalo ben. Canto maior é, máis fácil é o meu traballo.
—Agora mesmo, que se poida contar, ten algunha serie ou película entre mans?
—Estou actuando pero pouco, en agosto teño catro actuacións. Estou estudando, adelgazando e deixando unha barba grande para preparar o personaxe. Tamén teño ensaios, pero está sendo un verán máis relaxado que en anos anteriores, cousa que agradezo moito. En setembro e outubro rodarei unha película e unha serie. Despois inmediatamente poñerémonos a ensaiar Touriñán e eu o novo espectáculo que faremos xuntos, o terceiro e último de Somos Criminais que estrearemos se todo vai ben en novembro. Teño unha película dirixida por Daniel Sanchéz Arévalo, director de Azul oscuro casi negro, na que coincidiremos Touriñan e eu con dous personaxes moi bonitos. O protagonista vai ser Javier Gutiérrez, estarán Tamar Novas, María Vazquez… é un elenco moi bonito. Rodaremos no sur de Galicia, sobre todo na localidade de A Guarda na desembocadura do Miño. A maiores faremos unha serie para a Televisión de Galicia. Setembro e octubre serán tremendos de traballo, pero por fortuna xullo e agosto están sendo bastante levadeiros con tempo libre para facer deporte, ir a praia, estar tranquilo coa xente que quero e facer o que me gusta ademáis de traballar.
—Comentaronme pola redacción que fai aproximadamente vinte anos dixo nunha das súas actuacións en Ourense algo así como «se os fillos de puta voasen, non veríamos o sol». Agora, vese máis ou menos?
—Esa frase é de un músico catalán chamado Francesc Pi de la Serra, que probablemente non sexa súa, pero tiña unha canción que o dicía. Infelizmente creo que é así, hai moito desgraciado polo camiño. Hai moi boas persoas, pero tamén hai xente con moi mala fe e con moi mala idea. Eu non son moi optimista con respecto ao ser humano, creo que é bastante imbécil. Teño a medida da estupidez humana: mide exactamente a cola da lotería de Doña Manolita. Se de verdade a xente pensa que por comprar a lotería nese lugar vai ter máis posibilidades de que lle toque, é que realmente é estúpida. Outra cousa é que alguén se poña a cola porque un familiar lle dixo que quería a lotería de Doña Manolita porque di que toca máis, entón ti lle respondes «Non, non toca máis,simplemente teñen máis números». Hai xente que fai catro horas de cola para comprar un billete de lotería cando xustamente enfrente pode comprala sen cola. Na miña moi modesta opinión, eso é o que mide a estupidez humana.