Nadal responsable en Celanova

La Voz

CELANOVA

teresa cela

Na vila hai dúas exposicións abertas durante as festas navideñas

25 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Celanova é un dos Concellos que acordou reducir ao mínimo as actividades de Nadal tradicionais debido a situación da pandemia e para manter a relativa boa situación de incidencia que tivo o municipio nesta segunda onda. Na casa consistorial aínda están barallando algunha fórmula segura para substituír a cabalgata de Reis, pero a celebración dependerá en todo caso de como evolucione a situación sanitaria nos vindeiros días.

Quen se achegue a Celanova ou estea xa na vila pode gozar de actividades culturais que están en marcha na Fundación Curros Enríquez e no claustro barroco. Son senllas exposicións de distintas temáticas pero vinculadas ambas á figura senlleira do poeta celanovés Manuel Curros Enríquez. Por unha banda, na Casa dos Poetas, pódese visitar a mostra O soño cubano da emigración galega, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Arquivo da Emigración Galega. A exposición pódese visitar ata o 24 de xaneiro. O alcalde, Antonio Puga (Celanova Decide) tamén salienta como unha das ofertas culturais e de ocio para estes días a exposición fotográfica que se amosa no claustro barroco. As imaxes de Se eu fixen tal mundo... son unha selección das presentadas ao concurso de fotografía analóxica co mesmo título. «Reflicten un pensamento crítico como amosaba Curros no seu poema», describe o alcalde.

Outro dos motivos para vir a Celanova é poder pasear ou facer compras baixo unha iluminación de Nadal que este ano se ampliou a máis rúas e que ten motivos orixinais. O Concello xa comprou o ano pasado a árbore para a Praza Maior e puido dedicar ese diñeiro a decorar outras rúas. A Alameda repite como un dos lugares emblemáticos cos plataneiros cheos de luces e o paseo central cuberto cunha cortina lumínica que lle dan un aspecto especial a esta zona da vila.

Ademáis de co alumeado festivo, o Concello tamén colaborou coa CHEA (Asociación de Comerciantes, Hosteleiros e Empresarios de Celanova) en iniciativas enfocadas a dinamizar o comercio local. Recentemente, o Concello concedeu unha subvención nominativa a esta asociación para que puideran contratar a unha persoa para facer repartos a domicilio, un servicio cada vez máis demandado desde que estamos coa pandemia. O alcalde apuntou que xa iniciaron algúns expedientes para conceder axudas a pemes e autónomos.

O rexedor Antonio Puga destacou o traballo dos funcionarios e dos voluntarios que colaboraron a axudar neste ano duro, desde que comezou a problemática na residencia San Carlos, para axudar levando comida, medicinas ou facendo distintas xestións para persoas necesitadas durante a pandemia. «A nivel administrativo, este ano foi todo máis lento e complicado, pero quédome co aspecto humano e a implicación dos voluntarios e dos traballadores do Concello», destaca Puga.

Música da banda para animar as rúas

banda de música de Celanova, unha das institucións máis queridas na vila, animará as festas dos celanoveses este Nadal, se a situación sanitaria o permite, cunha serie de actuacións que están programadas para poder ver desde a rúa. O 27 de de decembro, na praza Maior, haberá unha fanfarria de metais, actuación que volverá a repetirse dous días despois. Os pasarrúas, que tanto animan as celebracións, serán outros dos formatos que a agrupación musical ofreza nos vindeiros días. Para pechar este ano 2020, o 31 de decembro, haberá un pasarrúas con todos os músicos da banda. Será ás 17.00 horas e percorrerá distintos puntos como a Alameda e a Praza Maior, ademais de pasar por algúns dos locais hostaleiros. Para rematar, na véspera de Reis, a banda vai ir tocar a residencia de anciáns, e outras rúas.

A banda segue coa actividade formativa dos alumnos da escola, cunha clase maxistral do mestre Alejandro Vázquez, e ademais publicou o cuarto número do seu boletín A verba dos xingreiros.