A produtora Susana Maceiras compartiu a súa experiencia cos alumnos do Curso de Medios Audiovisuais
07 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha ampla traxectoria profesional e unha longa experiencia no audiovisual, Susana Maceiras leva participado como produtora executiva en longametraxes, documentais, programas para a TVG, películas promocionais, vídeos e documentais. Directora de produción e xerente de Adivina Producciones, o seu nome está vencellado a traballos como as películas El niño de barro, Un franco, catorce pesetas ou Inevitable, documentais como Nuñez, un gallego en la Bretaña ou os proxectos promocionais sobre o Camiño de Santiago, a Ribeira Sacra ou a Costa da Morte. Onte compartiu a súa experiencia cos alumnos do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova.
-¿Como valora a aposta do curso polo audiovisual en feminino?
-Non creo que sexa un tema excepcional, aínda que é necesario que se visualizara ás mulleres que estamos no sector e que se faga unha aposta nese senso está ben. Xa teño participado noutras edicións do curso e levo pelexando moitos anos polo audiovisual galego. É importante que se nos poña cara e a iso axudan proxectos como este.
-¿Como viviu a evolución do sector neste tempo?
-Levo trinta anos traballando no audiovisual galego, dende que volvín de facer os meus estudos en Madrid, e o cambio nestes anos foi brutal. Xa pasei por todas as etapas e épocas: de gravar en U-matic de baixa banda ás posibilidades e calidades que che dán as novas tecnoloxías. Foi bonito vivilo porque cando empezamos non había practicamente nada e todo iso o experimentamos nós. Quen se imaxina hoxe en día unha rodaxe sen telefonía móbil? Pois houbo un tempo en que así era e non había esa comunicación instantánea.
-¿Dos realizados nestes anos que proxecto salientaría?
-Todos, dende Inevitable a El niño de barro ou calquera outro. O obxectivo é crear obras que non teñan caducidade, que dentro de vinte anos -ou os que sexa- as vexas e as volvas a sentir como se foran novas.
-¿Traballa nalgún proxecto na actualidade?
-Sempre estamos en varias iniciativas a un tempo. Para a semana comezamos a rodaxe dun documental sobre a vida de Xaime Quessada. É un artista moi interesante, cunha importante traxectoria, e tamén incluiremos cousas do seu fillo Xaimiño. Estamos moi ilusionados coa iniciativa. Foi unha proposta que nos fixo Chus Blanco e a min a arte sempre me pareceu un campo de traballo moi atractivo. Ás veces, os proxectos que chegan a ti sen buscalos soen ser os mellores.
-¿Cónteme algo sobre una novela de Galaxia?
-É un proxecto que está aí, aínda que compre concretalo. Tanto eu como Xurxo -o director Jorge Algora- estamos moi ilusionados con levar ao cine Tes ata as dez, de Francisco Castro. Chegamos a un acordo sobre os dereitos da novela, fíxose o guión e estamos traballando para conseguir os apoios para o proxecto. Rodarase entre Vigo e A Coruña e será unha historia actual, divertida e con moita intriga.