TRIBUNA | O |
27 oct 2003 . Actualizado a las 06:00 h.RECENTEMENTE, o Concello de Celanova celebrou o sesenta aniversario da clausura do duro penal do Monasterio de San Salvador, ó que asistiron familiares e amigos dos presos políticos, veciños de Celanova, asturianos e vascos, estos últimos moi ben representados polo Orfeón de Sestao. Démonos cita na vila de San Rosendo para recordar momentos vividos polos presos políticos, algúns deles nese entrañable acto para agradecer a solidariedade recibida dos veciños de Celanova. Estou seguro que Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro estarían confraternizando con nós, satisfeitos polo comportamento dos celanoveses. A memoria histórica convén conservala viva para coñecemento das novas xeracións. En Santiago aínda hoxe non se deu a coñecer suficientemente a represión vivida en moitas familias. Aqueles que aínda viven falan pouco desas vivencias e cun ton de voz moi baixo para que non escoite o do lado. Son as secuelas do medo e o terror imposto polos «vencedores». Tras dos muros das tres cárceres franquistas de Santiago (baixos de Raxoi, Penal de Santa Isabel, onde está a piscina municipal, e o campo de concentración de Lavacolla, pechados arredor de 1942) quedaron enterradas historias persoais, recordos de persecucións, torturas, paseos e fusilamentos de moitos demócratas. ¿Que crime cometeron? Defender outras ideas. Por iso os ían matando, por iso estaban condeados a morte. Un preso político, natural de Cuenca, deixou escrito un diario coas súas vivencias na guerra e no campo de concentración de Santiago. Víctor Santidrián está traballando nun libro no que narra a historia de Casimiro Jaboreno, que reflicte a miseria da represión.