COLOQUIO EN SANTIAGO

La Voz

CELANOVA

Á MARXE / Carlos Casares

11 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte estiven en Santiago para presentar a última novela do meu paisano Antón Riveiro Coello. O acto consistiu nunha agradable conversa, de varias horas de duración, durante un xantar cun grupo de periodistas. Este xove novelista, ademais de contar moi ben por escrito, é un magnífico narrador oral. Unha parte do secreto da sobremesa estivo precisamente nesta circunstancia, unida tamén ó feito de que Antón Riveiro fala cun enorme sentido común, o cal sempre se agradece, como se agradece igualmente a ausencia de pedantería, nada estudiada. Escoitando as súas opinións sobre as cousas que escribe ou sobre a súa falta de interés polo mundiño literario, do que vive bastante alonxado, resulta difícil non creelo ou non estar de acordo con el. No transcurso do coloquio, Antón recoñeceu ter unha especie de imán para os tolos. Dixo que cando chega a unha cidade descoñecida e baixa o cristal da ventá para preguntarlle unha dirección ó primeiro transeúnte que atopa, con moita frecuencia se trata dun tolo. Ou de dous. Polo visto, a muller e as fillas xa lle temen, de maneira que procuran adiantarse, sobre todo para evitar que o novelista se pare a escoitalos. Lendo as novelas de Antón Riveiro Coello nótase ben que é un home que sabe escoitar, e non só ós tolos. Ten feito o censo de Xinzo de Limia, pero dunha etapa posterior á miña, pois é máis novo ca min. Por exemplo, eu xa non sei quen foron o Tiroliro nin o Sardiña nin outros polo estilo, aínda que poida quitalos pola familia. Está convencido de que a tolemia, polo que respecta á nosa vila común, ten o súa orixe no frío e no viño. En Celanova, en cambio, segundo contaba Vicente Risco, viña de beber no cano norte da fonte que está fronte do mosteiro, e no Ribeiro de Avia, segundo a opinión de Otero Pedrayo, procedía do licor-café. A loucura é unha traxedia, a non ser cando pasa pola literatura, que se convirte en espectáculo. Sempre que haxa debaixo un bo escritor.