O médico pegado á terra en Castrelo de Miño

La Voz

CASTRELO DE MIÑO

Obituario de Luis Figueiredo Godoy

31 ago 2017 . Actualizado a las 18:47 h.

Os veciños de Castrelo de Miño despiden hoxe a Luis Figueiredo Godoy, un veciño que non perdeu nunca o cordón umbilical coa súa terra e a dos seus antergos. O doutor Luís, como lle chamaban os habitantes da localidade de Pazo, onde tiña a súa casa, criouse fora de Castrelo, en Santiago. Na capital compostelá, onde seus país marcharon e montaron unha taberna, estudou medicina e alí empezou tamén a forxarse nun fondo sentir galeguista e unha preocupación pola realidade social do pobo que o marcaría para sempre. Ese apego a realidade e a terra levouno a manter sempre viva a relación con Castrelo de Miño. Pese a que exerceu a maior parte da súa traxectoria profesional no Hospital Xeral de Vigo -era cirurxián especialista en uroloxía-, Luis Figueiredo era un veciño máis no pobo; e nel estaba practicamente a cotío. Home afable e de trato sinxelo, contan os que o coñeceron, ese compromiso levouno tamén á esfera política, aínda que sen aspiracións a dedicarse integramente a ela, xa que a medicina era a súa vocación. No ano 1995 estivo na creación da agrupación local do BNG neste concello de O Ribeiro e formou parte da primeira lista que presentou a formación nacionalista no municipio. Unha participación que repetiu na candidatura do 2007 que encabezaba o hoxe alcalde Xurxo Rodríguez. Hoxe todos os que o coñeceron estarán acompañando a súa dona e fillas, xunto co resto da familia, na cerimonia de funeral que se celebrará as 18.00 horas na igrexa parroquial de Santa María de Castrelo para darlle o seu último adeus.