«Este é un premio para todos os socios do proxecto do bosque de Ridimoas»

O traballo de recuperación dun espazo degradado en Beade recibirá o Arenteira


ourense / la voz

Pablo Rodríguez Oitabén ten unha cita o vindeiro venres no Hotel Arenteiro do Carballiño. O exprofesor do IES O Ribeiro e naturalista foi recoñecido cun dos premios Arenteira 2016 polo seu traballo a prol da natureza, polos moitos proxectos desenvolvidos ao longo de décadas e por ser o promotor da recuperación do bosque de Ridimoas. Unha experiencia, a deste espazo natural de Beade, que ten sido galardoada en moitos foros e por parte de varias institucións. Cando hai cinco anos tivo a oportunidade de xubilarse, polos anos de traballo no ensino, non o dubidou: «Porque así ía ter máis tempo para dedicarlle ao bosque».

O bosque é de sobra coñecido en toda Galicia e en moitos lugares da península. Ridimoas é a xoia da coroa e a ilusión de moitos milleiros de cidadáns que ao longo destes anos colaboraron ou contribuíron a mercar as pequenas parcelas que foron artellando a grande reserva natural ubicada no Ribeiro. Cincocentas hectáreas conforman este espazo ubicado en Beade, con parte xa en Leiro, que é propiedade dunha asociación da que actualmente forman parte máis dun milleiro de persoas. «Actualizado o listado, a día de hoxe, somos 1.020 socios. Xente que axudou nestes anos foron milleiros, aínda que esas persoas son as que están ao día contribuíndo ao proxecto», segundo sinalou Oitabén.

Os comezos non foron doados e forman parte das utopías dos años 70. Pablo Rodríguez lémbraos moi ben: «Encetamos en 1976, como unha actividade extraescolar da Universidade Laboral. Aí non había nada, os lumes pegaban cada ano e nesta zona de Beade non existía vexetación, só o esqueleto mineral da terra. Empezamos con aquel proxecto de RTVE que se chamaba Legión Verde, que nos mudamos por Aula Verde porque o da lexión non nos convencía. E viñan os rapaces e estaban aí varios días, en tenda de campaña e en pleno inverno, e todo o traballo había que facelo con tronzador, que daquela non había motoserrra. E pasou moita xente, entre eles o que hoxe é conselleiro de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez».

No curso 1987-1988 acadaron un importante premio -«O do Ano Europeo do Medio Ambiente, nunha convocatoria que patrocinaba a aseguradora Plus Ultra »- e co diñeiro crearon, era 1988, a asociación que toma o nome do bosque: «Era como se chamaba a paraxe catastral, que fai referencia ao río das moas, un pequeno regueiro que nace entre unhas penedas. De aí sae Ridimoas».

Ao longo destes anos, cun esforzo e unha implicación desinteresada de moita xente -e o extraordinario e impagábel traballo do seu alma mater- o bosque chegou a sumar as cincocentas hectáreas actuais. A última adquisición é unha vella casa en Beade que proxectan rehabilitar para transformala en centro de interpretación do bosque.

O venres Pablo Rodríguez recollerá o Arenteira -José Carballeda, en deportes, e Luis Rodríguez Míguez (a título póstumo) completan a nómina de galardoados- e considera que o xurado recoñece o traballo dun proxecto colectivo. «Este é un premio para todos os socios de Ridimoas, para a xente que segue crendo no proxecto e para este bosque adulto que é refuxio para a flora e a fauna das zonas do Ribeiro e do Carballiño. Que se recoñeza un espazo natural é unha boa noticia, nestes tempos nos que só se fala de crise e corrupción. Se ata o discurso do medio ambiente desapareceu da política!», lembra Oitabén.

Pablo Rodríguez «Oitabén». Hai cinco anos que se xubilou como profesor do IES O Ribeiro. Aos seus 66 anos manter, conservar e coidar o bosque de Ridimoas é a súa principal ocupación.

Entrega. Os Premios Arenteira serán entregados o venres día 25, ás 20.30 horas, no Hotel Arenteiro do Carballiño.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

«Este é un premio para todos os socios do proxecto do bosque de Ridimoas»