Jorge Campos: «A ilustración en Galicia conta con moi bos profesionais e un gran futuro»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

BARBADÁS

Santi M. Amil

O creador ourensán gañou o primeiro premio en Cangas nos dous últimos anos

21 dic 2016 . Actualizado a las 19:05 h.

A Jorge Campos Sánchez sempre lle chamou a ilustración e cando rematou Arquitectura e volveu a Ourense tiña claro o que ía facer. «Ao finalizar os estudos na Coruña e ver que non había traballo, por aquilo da crise, aproveitei para cursar Ilustración. Sempre me gustou, realmente os dous sectores nos que me movo foron de sempre aquilo ao que me quería adicar, e a crise diume a oportunidade de facer o ciclo na Escola de Arte Antonio Failde». E compaxina as dúas facetas ás que se adica: como arquitecto traballou para varios estudios -entre outros formou parte do equipo gañador do Premio Juana de Vega de Arquitectura do ano 2011- e sigue desenvolvendo proxectos propios e encargos personais neste sector, actualmente dende Vigo que é onde reside; como ilustrador ten colaborado en prensa e en propostas como fanzines e outras iniciativas. Na actualidade é socio traballador en 7H Cooperativa Cultural Galega, unha iniciativa creada en Compostela na que participan ilustradores, fotógrafos, artistas, cineastas e outros creadores. Coa mesma participaron hai uns días no Culturgal de Pontevedra.

A dualidade arquitecto-ilustrador lévaa ao seu traballo artístico e asina as súas creacións como Jorge Campos e Ilustratecto -contracción de ilustrador e arquitecto-. Na súa faceta artística ten participado en concursos e acadado varios galardóns. No Certame do Cómic de Cangas obtivo o primeiro premio nas convocatorias do 2015 e 2016 coas obras Para saír dun labirinto só fai falta un fío e Alarido, respectivamente. No ano que agora remata sumou tamén a convocatoria promovida polo Concello de Barbadás para crear o mural que ilustra o futuro Museo da Gaita de Fole, que abrirá as súas portas nos primeiros meses do vindeiro 2017.

Ao longo destes anos, o ourensán ten desenvolvido propostas moi variadas no campo da ilustración. Caricaturas de personaxes famosos, ilustracións para artigos en medios de comunicación, tiras de cómic infantil, series como a titulada Petroglifo, outras sobre a cidade e a vida ourensá -Burgalladas- ou as historias que protagoniza o seu personaxe preferido, Alter, son parte do seu traballo. Un dos campos nos que se ten ocupado é o das tiras cómicas centradas no deporte, algo que non soe ser moi corrente na ilustración galega. Forofos chámase a serie.

Jorge Campos / Ilustratecto ten editado os seus orixinais en varias revistas, na de 7H e nalgúns proxectos ourensáns, e na actualidade está ultimando unha publicación cunha editorial. Cre que o panorama actual do sector en Galicia vive bos tempos: «Cada vez hai máis oportunidades e temos moi boa xente en Galicia que traballa na ilustración e no cómic. A nivel profesional estamos nun bo momento, con nomes importantes como o ourensán David Rubín ou xa veteranos como Miguelanxo Prado, entre outros. En canto a oportunidades hai que seguir loitando, porque como digo eu é unha profesión que non está todo o ben vista que debería e por veces, ou por parte dalgúns, se considera menor; aínda que non me gusta empregar esa palabra». El está convencido de que canto máis se faga no sector mellor lle irá á ilustración galega e que o feito de que haxa tan bos profesionais en Galicia «así como librarías especializadas, colectivos, programas en radio ou espazos en internet» axudan a potenciar a ilustración. Jorge Campos acredita nese gran futuro.

Jorge Campos Sánchez. Naceu en Ourense (1982) e criouse na Ribeira Sacra ourensá. Licenciouse na Escola de Arquitectura de A Coruña e fixo Ilustración na Escola de Arte Antonio Failde.

Ilustrador. Cómic e ilustración infantil e xuvenil centran o seu traballo. Gañou dous anos o certame de Cangas e o concurso do mural para o Museo da Gaita de Barbadás. .