Otero e Risco, historia dunha amizade

La Voz

AMOEIRO

Rosa Veiga

A Fundación Otero Pedrayo adicou a peza do mes a unha caricatura realizada por Xurxo Lorenzo

08 mar 2020 . Actualizado a las 14:45 h.

Na Casa Grande de Cimadevila, en Trasalba, celebrouse unha nova entrega do proxecto «Peza do mes», que desta volta se centrou nunha caricatura de Vicente Risco e Otero Pedrayo realizada no seu día por Xurxo Fernández, irmán de Xaquín Fernández, Xocas. O presidente da Fundación Vicente Risco, Luis Martínez-Risco Daviña, foi o encargado de guiar e sesión. Detallou a relación entre ambos estudosos que se levaban 4 anos, vivían a poucos metros un do outro no casco vello de Ourense, con puntos en común e discrepancias pero «amigos a pesares de ter diferente ideoloxía porque as persoas decentes coma eles, manteñen a amizade por riba dese tipo de cuestións». Na sede da Fundación Otero Pedrayo, en Trasalba, presentou Luis Martínez-Risco as dúas caricaturas realizadas por Xurxo Lorenzo, lembrou que Otero Pedrayo foi padriño do único fillo de Risco, e fixo un alegato do seu familiar, profundamente católico, ó lembrar que en 1941 xa tiña abertos dous expedientes de depuración, un deles por una denuncia anónima por «falar ostentosamente en galego polas rúas acompañado de persoas das Mocedades Galeguistas» e outro aberto polo xefe local da Falanxe que o acusou «de non ser totalmente leal ao Réxime». Tamén lembrou que Ramón Otero Pedrayo recibíu en 1962 o premio Galicia da Fundación March, tralo descarte do outro candidato que era Vicente Risco -debido a unha confusión da súa «ficha política» ca do seu familiar Manuel Martínez-Risco (falecido no exilio e que fora deputado na II República)-.  Despois da represión fascista, Otero Pedrayo (inhabilitado para dar clases durante dous anos) e Risco «seguiron cabalgando xuntos», según lembrou Martínez-Risco, porque «serían de dereitas pero nunca fascistas».