O indignado Eladio Fernández

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

AMOEIRO

Fernández amosouse convencido de que a nova formación terá un percorrido centenario.
Fernández amosouse convencido de que a nova formación terá un percorrido centenario. santi m. amil

O excargo socialista e exmilitante do PP promove VíaNova Galicia, unha nova plataforma política galega de centro

04 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai case que un ano, Alberto Núñez Feijoo acudía a Amoeiro para participar nun dos poucos mítins das municipais nos que participou na provincia de Ourense. Aquela tarde, coa calor a bater nos Chaos de Amoeiro, a expectación era moita e a asistencia numerosa. A espera deixábase sentir e nas conversas que animaban a tarde un veciño interpelaba a un dos de fóra do Concello con rexouba: «E logo ti non eras do PSOE?» E o interlocutor, áxil e seguro, respostou baril: «Hai que cambiar!».

E Eladio Fernández Vázquez afronta agora unha nova etapa política, con afouteza e sen nada que ocultar, coa verdade por diante: «Fun dirixente do PSOE e despois militante do PP e por iso mesmo sei ben do que falo, porque o fago con coñecemento de causa». O que fora home de confianza de Pachi Vázquez, fichado logo por José Luis Baltar -expresidente da Deputación de Ourense-, lidera unha nova plataforma política, unha formación que mantén a tradición doutros proxectos xestados na provincia e con vocación galega. VíaNova Galicia foi presentado onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel nun acto no que participaron varias das persoas que forman parte da nova alternativa política e que pechou o exlíder veciñal, aclarando Eladio Fernández que hai días que renunciou ao seu cargo en Cogave (Confederación de Federacións Veciñais Galegas) para non vencellar unha cousa con outra: «Foi unha etapa, pero xa pasou». VíaNova Galicia presentouse coa intervención da varias persoas implicadas no proxecto para incidir nos aspectos do seu interese: autónomos e pemes, mozos e falta de traballo e pensións -vencelladas ao futuro dos fillos e os netos- foron centro de atención das súas intervencións. Pechou a quenda de intervencións o promotor da nova alternativa política ourensá con vocación galega para presentar as premisas fundacionais e os seus obxectivos.

Eladio Fernández exerceu de indignado no Simeón para espallar a nova mensaxe, galega e de centro. Dende VíaNova Galicia coinciden co perfil tipo dos galegos, os que ven como «Galicia conta con todo o necesario, dende recursos a xente preparada e unha investigación incipiente, pero nunca houbo xestión eficaz en San Caeatano -a sede do goberno da Xunta-, coa rede clientelar é imposible que o país progrese e ten que xurdir un liderado galego que xunte a empresarios, cidadanía e goberno, que son os tres píares da sociedade».

 

Sen ataduras e vocación galega

O líder da nova alternativa política puxo a súa experiencia como exemplo para afirmar que a PSOE e PP non lles interesa Galicia e os respectivos líderes non deixan de ser uns políticos domesticados ás ordes de Madrid: «Por que progresan Cataluña e Euskadi? Porque alí non gobernan nin o PP nin o PSOE».

 

Eladio Fernández fixo público o decálogo de VíaNova Galicia, lembrando que non existen solucións máxicas e que son de todos coñecidas «mais non se aplican porque non lles interesa», e sinalou que o partido nace dende Ourense con vocación galega. Tentarán espallar a plataforma polo resto das provincias e a primeira cita será as autonómicas do próximo outono.

O líder do novo proxecto político sinalou que non contan con financiación nin patrocinio que non sexan os seus propios recursos e que VíaNova Galicia nace con vocación de futuro: «Hai xente interesada nunha nova vía política para liderar Galicia e este partido nace para ter un percorrido de máis de cen anos».