A autora presenta en Allariz o seu último traballo, que é a tradución da súa primeira novela, «Anatol e dous máis»
15 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A escritora Blanca Riestra (A Coruña, 1970) publicou a súa primeira novela en 1996. Era un libro con catro protagonistas: tres amigos e a cidade de Santiago. A historia tivo moi boa acollida e agora, máis de vintecinco anos despois acaba de traducila ao galego. Riestra presenta es nova versión, «Anatol e dous máis», este venres en Allariz. A cita, que organiza a libraría Aira das Letras, será ás 20.00 horas na Casa da Cultura alaricana e a escritora estará acompañada de César Lorenzo, director de Aira Editorial.
—Como foi traducir a súa primeira novela tantos anos despois de darlle vida?
—Eu escribina no 93, con 23 anos, así que foi irme moi atrás. Foi unha novela que tivo moitísima repercusión no seu momento e que está escrita por unha aprendiz. Penso que o encanto que ten é precisamente que foi un campo de prácticas do que é a escritura; o meu primeiro encontro coa páxina en branco. Entón ten toda a vibración polo que está fascinado polo que está a facer, pero ao mesmo tempo ten moita inseguridade. Despois de estar moito tempo fóra, agora levo en Galicia fai case unha década, e volvín a escribir en galego. A verdade é que «Anatol» é un clásico, a xente segue preguntándome por ela, e sempre pensei que os seus protagonistas eran galegofalantes así que en canto se presentou a oportunidade de traducila, fixémolo.
—Que tal é autotraducirse?
—Moi complicado porque queres ser fiel ao texto orixinal e as traducións sempre terminan sendo un pouco traizón. O galego e o castelán son linguas moi próximas e ao mesmo tempo teñen uns ritmos e unhas prosodias moi distintas, o que cambia o texto completamente.
—Como envelleceu a novela?
—Ten máis de vintecinco anos e nótanselle. O mundo enteiro cambiou neste tempo. É unha novela onde os personaxes non teñen internet nin teléfono, quedan na rúa, algo que me parece moi inocente. Moitos lembramos perfectamente aquela época. Santiago era unha cidade completamente distinta, sen peregrinos, chea de estudantes, bares e literatura. Era un lugar especial e máxico e penso que iso respírase na novela. Todos os que vivimos esa época tiñamos a sensación de que ía desaparecer e así foi. Cambiou moito todo dende que a escribín e de feito resultoume chocante o tratamento do xénero que fixen na novela. Escoito falar aos protagonistas e parécenme moi discutibles e, en moitos casos, moi machistas. Pero é normal porque está impregnada de como era a sociedade entón.
—Cal é o argumento do libro?
—É unha novela con varios temas principias. Un deles é o descubrimento e o desexo de escribir; outro é o amor pola cidade e a sensación de que a mocidade é algo que se escapa xunto coa necesidade de estar no momento presente ao 100 %. E despois está a relación entre os tres personaxes, que é ambigua. Son dous chicos e unha chica que viven xuntos e teñen relacións fronteirizas entre a amizade e o amor, unha especie de «Jules et Jim» que non sabemos como se vai resolver.