¡Bule, bule... que aquí está o mellor pincho!

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO

ALLARIZ

Nacho Canal, Julia Rodríguez e Bruno Gilino, do restaurante Bule Bule de Allariz
Nacho Canal, Julia Rodríguez e Bruno Gilino, do restaurante Bule Bule de Allariz Miguel Villar

O restaurante de Nacho Canal vén de gañar o concurso ao mellor petisco con boi de Allariz

02 nov 2019 . Actualizado a las 15:30 h.

En maio de 2016 Nacho Canal abría o restaurante Bule Bule e ese mesmo outono conseguía o primeiro premio do concurso de pinchos de boi de Allariz. «Empezamos moi forte», conta o hostaleiro, que este ano vén de revalidar título despois de dúas convocatorias nas que conseguiron manterse no podio. Aquel crocante de boi de hai tres anos fíxose un oco na carta, que vai perder en cousa dun mes. Entrará no sitio o ravioli de boi con setas que tanto gustou este outono. O cociñeiro Bruno Gilino estofa o boi e con verduras fai un guiso, para despois esmigallar a carne e envolvela na pasta. O pincho sérvese sobre unha base de escuma de pataca. Nesa labor, e en todas as que fan na cociña, conta coa axuda de Julia Rodríguez. Eles os dous dan forma a unha carta «non estandarizada», como a define Canal, na que o boi comparte espazo cos ovos rotos, o atún vermello, o wok de verduras con polo, o raxo, o potaxe ou as luriñas con emulsión de lima. Unha carta que cambia dúas veces ao ano, para adaptarse aos produtos de verán e aos de inverno. «Buscamos que a xente comparta racións e así proben máis cousas», resume Canal, que asegura que están moi contentos co premio. «Sempre que facemos un pincho procuramos que estea bo; e este ano si que notamos que a aceptación era moi boa», conta.