Unha libraría foi o comezo, da que xurdiu unha editorial e logo un espazo «coworking». Son os proxectos de César Lorenzo e Carlos Aira
03 feb 2018 . Actualizado a las 13:49 h.Investir en cultura para montar un negocio é posible e unha realidade xa nunha vila pequena como Allariz. Alí están traballando Carlos Aira (Muíños, 1969), desde hai oito anos, e incorporado desde hai ano e medio, César Lorenzo (Arbo, 1977). Son as cabezas visibles dun conxunto de proxectos empresariais -a libraría Aira das Letras, a editorial Aira, a tenda Punto e Coma e o espazo de traballo comunitario ou coworking Ben Común- que están a dinamizar economicamente Allariz desde un punto de partida cultural.
Primeiro foi a libraría Aira das Letras. Hai sete anos, non había este tipo de establecemento en Allariz e Carlos quixo abrir algo vinculado á promoción do galego. A ela chegou como cliente César para botar a andar a idea que xa andaba a mascar Carlos de crear unha editorial para publicar en galego libros de calidade. «Queriamos seguir o modelo de editoriais estatais como Impedimenta ou Nórdica, traballando o propio libro e editándoo con cariño. O público demanda iso: libros bonitos, ben ilustrados, ben maquetados e con bo material», subliña Carlos Aira.
Hai un ano, polo Nadal, César Lorenzo que tiña experiencia editorial e como xornalista marcou o obxectivo de publicar tres libros. Un ano despois, Aira Editorial, ten tres publicacións no mercado: Vidas imaxinarias, do autor francés Marcel Schwob, traducida ao galego por Samuel Solleiro na que participan 22 ilustradores. «Foi o proxecto bandeira. Con ela quería inaugura unha colección de clásicos ilustrados para adultos». Ten 22 ilustracións diferentes de creadores como David Rubín, Chus Rojo, Santiago Sequeiros ou Iria Fafián, entre moitos outros. O seguinte foi un libro de poesía de Estíbaliz Espinosa, ilustrado por Celsius Pictor. «Xungue ciencia con literatura desde unha perspectiva feminista; ten moi boas críticas», describe Lorenzo. E o terceiro, o que está a ter máis ventas, é un cómic sen texto, con formato acordeón, primeiro traballo de Jorge Campos.
A ilustración, con festival Allariz Debuxado, que celebrou recentemente a súa segunda edición, é outro dos pés culturais que ten visos de arraigar noutro dos proxectos que Carlos Aira e a súa dona abriron o coworking Ben Común, na praza da Torre Lombarda. Aira explica que ao poñer en marcha a editorial e a tenda de obxectos bonitos Punto e Coma viron a necesidade de contar cun espazo de traballo. Optaron as subvencións do grupo GDR e montaron o primeiro espazo coworking privado creado fora da cidade. Nel traballan dous rapaces e en breve, di o empresario, van ter como bolseiros a alumnos saídos da escola Faílde para traballar nunha idea desenvolvida en Francia de decorar con obxectos reciclados do lixo. «A idea é facer unha programación permanente, temos impresora 3D e un estudo de fotografía», conta Aira. Sobre a rendibilidade, o empresario di: «Hai que traballar como en todo. Agora hai que poñelos todos a andar e contamos que a medio prazo, en dous tres anos, sexan rendibles».
Na moderna libraría Punto e Coma, en Ourense e Carballo, triunfan as láminas Vive Ourense, Vive Allariz e Vive Galicia, puzzles, cuncas e unha liña de Rosalía de Castro. «A Rosalía Astronauta tivo moito éxito, é unha imaxe icónica moi renovada. Hai nenos pequenos moi fans de Rosalía», di Lorenzo. Punto e Coma conecta a Carlos con outro proxecto cultural de Allariz, a Galería Circular, do seu socio Miguel.
Son proxectos, pensa César, que amosan que hoxe non hai que estar en sitios grandes. «O Carlos foi un valente. Allariz funcionou moi ben como destino turístico e como vila que defende o seu patrimonio e o seu pasado; é o momento de dar un paso máis e crear unha industria relacionada coa creatividade que poda ter un retorno», sostén.