«Hai datos positivos para o BNG, que estivo na rúa e nas institucións»

ALLARIZ

Francisco García cre que o seu partido ten bos modelos de xestión municipal

21 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de quince anos como alcalde de Allariz, Francisco García concorrerá como candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais por derradeira vez. O seu goberno celebrou no 2014 vintecinco anos dun proxecto nacionalista que o rexedor ve «consolidado» fronte as críticas de quen non o vía sostible.

-¿Pensa que se pode elevar o teito electoral do BNG en Allariz ou prevé desmobilización?

-Non temos datos que nos fagan pensar que o BNG vaia baixar a súa representación e apoio en Allariz. As eleccións europeas foron un bo termómetro e vimos de celebrar o verán pasado 25 anos de transformación positiva, cun acto con implicación de todos os sectores sociais que entenden que é necesario manter este proxecto con novos retos. O listón é moi elevado, non hai ningunha vila na provincia na que o goberno teña un apoio tan maioritario, superior ao 60 %.

-Di que será a derradeira vez que se presenta. ¿Cansazo ou fin de ciclo?

-Non teño ningún cansazo. A política municipal engancha. Tivemos unha renovación de equipos e obxectivos. Allariz é un referente en moitos ámbitos, pero as cousas teñen o seu ciclo. Despois de quince anos de alcaldía, este mandato permite culminar esa traxectoria, sabendo que hai unha labor colexiada de equipo.

-¿Que lle parece que unha candidatura da marea cidadá en Ourense estea liderada por un exmembro do BNG?

-Estes movementos que tiñan como Leitmotiv un certo apoliticismo, en moitos casos, non só en Ourense, contan con excompañeiros ou militantes doutras formacións como Esquerda Unida ou Anova, nesas candidaturas. O BNG optou por manter o seu perfil. Para nós, é unha oportunidade para conseguir que as persoas cunha visión nacionalista teñan no BNG un referente.

-¿Como valora as perspectivas do BNG na capital ourensá, logo de ter pasado polo goberno e ultimamente na oposición?

-Ante outro dos problemas que a sociedade contempla, a corrupción xeneralizada, o BNG mantivo un comportamento contundente aínda que ás veces é inxusto con algún compañeiro que non ten ningunha acusación de beneficio persoal como Somoza ou Varela. A situación que viviu o Concello levou a que a decisión dos compañeiros fora atinada. Levaron unha oposición positiva, con propostas como o plan de emprego e tamén con denuncias pola paralización. Nas eleccións do 24 de maio o escenario é novo.

-O Bloque decidiu non presentar se en todos os concellos. ¿Por non haber suficiente xente para as listas ou pola división de votos?

-Todas as formacións políticas teñen concellos con pouca implantación e teñen recorrido a persoas que non viven alí para presentarse pero nesta ocasión nos parece máis atinado non poñer o acento en ter 314 candidaturas. O BNG é unha forza política con ampla implantación territorial. O 99 % da poboación galega poderá votarlle no seu concello.

-¿Pode facer aínda dano o que pasou nas eleccións autonómicas coa división do nacionalismo?

-Estamos nun contexto diferente. Hai datos positivos para o BNG, que ten estado presente na rúa e nas institucións. A cidade de Pontevedra ven de recibir o premio de Nacións Unidas polo seu modelo peonil e de dinamización económica. Temos bos modelos de prácticas municipais.

-¿Que lle parece o movemento Somos Nós do seu predecesor, Anxo Quintana?

-Nos termos nos que se ten expresado de que Galicia sexa o centro de gravidade e na defensa dos nosos intereses desde unha perspectiva de país, creo que non ten controversia. Outra cousa é se fora unha forza partidaria, pero el di que non é a intención. Como movemento cívico é concorrente cos obxectivos do BNG.

FRANCISCO GARCÍA ALCALDE DE ALLARIZ E CANDIDATO DO BNG

«Foron catro anos complicados, con redución de financiamento»

García defende o esforzo feito en Allariz para manter os empregos municipais a pesares da crise.

-Logo dos casos de alcaldes de concellos veciños como Rairiz de Veiga, A Bola que estaban con BNG e se pasaron a outros partidos, ¿pensa que a organización ten que poñer máis filtros?

-E Maceda e Vilar de Santos. Cada un ten que responder persoalmente a un compromiso. Non é facilmente entendible que, ostentando a representación dunha forza nacionalista, podas ter acomodo no PP. Lamentamos o paso que deron e defendemos a necesidade dunha forza nacionalista, sen xustificar perversamente que se van recibir máis fondos estando co partido da Xunta ou da Deputación. Tamén está a responsabilidade desas forzas que fan estas «opas». Non é o mellor desde a perspectiva democrática.

-Tralo estalido da crise, ¿viuse afectada a autonomía municipal ou puideron buscar alternativas?

-Co pretexto de combater o déficit, estase impoñendo un modelo ideolóxico de recentralización e merma da autonomía municipal sen cuestionar institucións como as deputacións. Aos concellos que queremos facer políticas alternativas paliando recortes se nos impide. Foron catro anos complicados, con redución de financiamento da Xunta en 500.000 euros. Houbo que facer un esforzo por manter servizos e emprego.

-¿Poden loitar os concellos sos contra o despoboamento?

-Non é unha maldición bíblica. Noutras zonas da Galicia interior non hai este abandono do rural. As pequenas iniciativas atopan trabas burocráticas que botan para atrás aos emprendedores. O abandono vai a máis, como o envellecemento. Non é por non ter equipamentos, está relacionado coa actividade económica.