A vila abre hoxe a Festa do Boi 2001, manifestación que revive a tradición creada por Xan de Arzúa A vila de Allariz ten todo preparado para recuperar, a partires deste serán, unha das páxinas máis entrañables da súa historia. Como acontecera no Corpus do ano 1317 os alaricanos revivirán a iniciativa de Xan Arzúa, un fidalgo da vila que cargou a cabalo dun gran boi contra os xudeos que se mofaban da procesión cristiá con berros e pantomimas. Transformada co paso do tempo nunha manifestación profana a Festa do Boi tense convertido nunha manifestación popular que atrae ata Allariz a miles de persoas chegadas de Galicia e de zonas como Euskadi. Desde hoxe, e ata o 17, o Boi mandará nas rúas da vila alaricana.
08 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A Festa do Boi 2001 chega con dúas novidades importantes. Dunha banda o adianto da «proba do boi», que por primeira vez desde o ano 1983 celebrarase o sábado e non o domingo e, de outra, a creación dunha fundación para facerse cargo da organización da festa. A Fundación Xan de Arzúa naceu co obxectivo de promocionar e espallar a festa e para conseguir que O Boi sexa un referente histórico e económico de primeira magnitude para a vila. O conseguir a consideración de «Festa de interese turístico» é outro dos obxectivos da fundación. No 2001 a Festa do Boi tamén sufrirá cambios no que a súa duración se refire, xa que a oferta lúdica se vai prolongar desde hoxe ata o próximo día 17 de xuño.