O exército de Pancho Villa

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

A PEROXA

24 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando dende a esquerda aparecía máis dun candidato para liderar un proxecto, ou cando dende a diferenza se conformaba un proxecto común, meu pai sempre me dicía a mesma letanía, iso é o exercito de Pancho Villa. Coido que a expresión estivo reforzada polos filmes norteamericanos máis que pola realidade castrense de D. José Doroteo Arango Arámbula. A historia di que foi clave na revolución mexicana; co alcume de Centauro do Norte, foi comandante e gobernador de Chihuahua.

Os Peares teno todo para ser escenario dunha película do xénero oeste; mestúranse o Sil e o Miño -Río Bravo-, por eses canóns lévannos a paisaxes que cortan o respirar. Tamén ten a fronteira, non houbo película sen unha raia, Os Peares está tan dividida administrativamente que non sabes a que patrón servir. Por último, ten camiño de ferro, e con poucos trens que pasan amodiño. Ao exercito de Pancho Villa faltáballe un dos Peares, aos sete magníficos fáltalles un forasteiro.

Nesa situación idílica na que nacen as lendas e as paisaxes, Alberto Núñez Feijoo, tiñao todo para albiscar uns horizontes de grandeza, máis quedou só sen perigo algún.

Eu mesmo sei o que son unhas primarias sen ter unha estrutura orgánica. Coido que aprendín para que serven: primeiro, para a autopromoción da marca, ocúpase o espazo nos medios como un reality show; segundo, para ver cantos documentos están agochados nunhas navetas cos que ferir ou liquidar; terceiro, para laminar a disidencia dende unha posición de poder. Eu mesmo sei que ás primarias vaise chorado da casa, e que só te presentas se tés os cartos e os números.

Dende esta pequerrecha experiencia persoal, creo que en tempos de innovación disruptiva unha única persoa é incapaz de xestionar realidades fráxiles. Como nos naipes, cabalo e rei cantan as corenta e suman máis puntos que o ás.

Para a esquerda é o momento de ver como trocan os marcos lingüísticos, eles falan de reformar, nós de mudalo todo. Se non aprendemos a xestionar os liderazgos para ter o poder, meu pai seguirá a dicir de nós Une direction collégiale qui ressemble à une armée mexicaine.