Feliz Pascua

Félix Álvarez TRIBUNA ABERTA

A MERCA

03 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Feliz Pascua! Un saúdo que se vai esquecendo e que os cristiáns temos a alegría de compartir. Cincuenta días, nada menos. Máis que os dedicados á Coresma, non o esquezamos. Un saúdo que xurde dunha noticia de plena actualidade: Cristo vive. Dúas verbas que sintetizan a celebración da Semana Santa, especialmente do Triduo Pascual, que nos leva dende a cea do Xoves Santo ó sepulcro baleiro do Sábado Santo, pasando polo escarnio e a cruz do venres. Semana de paixón e vida que en Ourense ten a súa expresión visual nas procesións e celebracións xa coñecidas e se abre a novidades como o pregón ou o viacrucis da xuventude; que renace en cofradías que non hai tantos anos que apareceron e nunha primixenia Xunta de Cofradías que comeza a andar. Inda que non sexan noticia, son novidade ás reunións de parroquias para celebrar a Vixilia Pascual. Así levamos uns poucos anos na Armada, A Merca, xuntándonos ata cincocentos fieis para celebrar a fe en Xesús, o Cristo. Non temos a tradición doutros lugares e vemos como, ano a ano, as rúas nestes días quedan baleiras, incluso durante as procesións. Pero non é cousa de lamentar senón de resolver de modo creativo, de buscar momentos e formas para sentirnos discípulos misioneiros na nosa terriña. É cuestión de facer visible o escondido do corazón, manifestando en quen cremos e propoñendo a outros, sen imposicións nin barullo. Cantas veces non publicamos calquera cotidianeidade e nos esquecemos do importante, non si? Pois agora é o momento de dicilo: Creo e por iso celebro; alégrame esta fe e por iso a comparto. Feliz Pascua!