A pataca festexada co orgullo e a identidade dunha comarca

M. rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Vilar de Barrio celebrou a edición número 47 da festa de exaltación do produto enseña da Limia

12 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O bo tempo e a ponte festiva aliáronse para favorecer que Vilar de Barrio puidese gozar cunha edición da Festa da Pataca, a número 47, chea de actividades e de público. A xornada dominical volveu estar centrada no produto do campo limiao e nas tradicións labregas do rural. O cortexo foi un dos actos máis icónicos da celebración, con carros de vacas, cabalos e a veciñanza desfilando nas horas centrais. Houbo representación institucional da Xunta, do Concello de Vilar de Barrio e dos municipios veciños de A Limia e da Deputación. Dende a administración autonómica, o director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou o protagonismo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia neste tipo de actividades e salientou a o labor da comarca da Limia na súa produción. A Xunta destaca tamén a nova identidade de promoción dos produtos de calidade galegos amparados por figuras de denominación baixo o lema «Aquí Sabemos».

Foron tres días de festa, nos que se houbo relatorios, exhibicións culinarias e os concertos do Pataca Fest. O domingo centrou a parte máis tradicional, co concurso de patacas que valora o peso e a creación de cestas con produtos de outono. Durante esta derradeira xornada houbo exhibicións de oficios tradicionais, como a forxa e a cestería.

Este ano, a festa contou cunha nova instalación cuberta na praza do Toural, que permitiu que a exposición dos produtos puidese facerse baixo teito; desta maneira protexeuse, neste caso do sol, tanto o exhibido como as persoas que se achegaron a velo. Foi unha actuación que contou cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente.