A cita terá lugar entre o 2 e o 4 de outubro na Casa da Baxanca de Cabanelas
06 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A comarca do Ribeiro será a protagonista do decimo cuarto Congreso do Centro de Estudos Chamoso Lamas, que se desenvolverá na Casa da Baxanca, parroquia carballiñesa de Cabanelas entre os días 2 e 4 de outubro. «O Ribeiro: a cultura do viño, patrimonio, territorio e xentes» é o título da cita, que ten carácter bienal. O encontro terá unha trintena de actividades, como comunicacións, debates e conferencias, para abordar O Ribeiro desde distintas perspectivas e disciplinas, como a historia, a meteoroloxía e climatoloxía, a arqueoloxía, a cultura vitivinícola ou as ciencias medioambientais.
O congreso presentouse este venres no Concello do Carballiño, onde o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, convidou á poboación a participar. Pola súa banda, o presidente do Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez, repasou o traballo que realizaron nos últimos meses. «Este congreso é un esforzo impresionante tanto de organización como de elaboración de traballos», comentou, avanzando que o programa está «practicamente rematado». Entre as citas que salientou para a primeira das xornadas do congreso están un obradoiro sobre a utilización da IA nos estudos históricos, e tres comunicacións relacionadas co clima do Ribeiro, entre elas a conferencia inaugural que pronunciarán Pablo Rodríguez, Oitavén, a súa filla Paula.