«Bullotes ou encirrar»: Valdeorras reivindica a súa fala cun dicionario propio
OURENSE
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán busca achegas cidadás para dar forma ao volume
22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Pantalois, maos, bullotes, conchos, choupíns... A conciencia de que hai palabras propias de Valdeorras e outras que se empregan cun significado diferente ao recoñecido pola Real Academia Galega levou á Fundación Florencio Delgado Gurriarán a pór en marcha a elaboración dun dicionario da fala valdeorresa. É un proxecto que comezou no mes de marzo e que avanza a bo ritmo. As achegas da cidadanía a través da páxina web dicionario.florenciodelgadogurriaran.gal suman xa máis de 225 termos e oito refráns. A comisión de lingua —integrada por oito filólogos— encárgase de revisar e buscar documentación para ver se se aproba a súa inclusión. Mentres dura o proceso os termos aparecen cun asterisco ao lado para que non leve a engano. E se son rexeitados, inclúese a motivación de tal acordo.
«Repartimos o traballo. Cada un investiga un termo, pero despois a validación faise nunha reunión de todos, porque oito cabezas pensan mellor que unha», di Débora Álvarez, xerente da fundación e membro da comisión. Recoñece que ás veces xorden dúbidas pola falta de referencias escritas, pero aínda así conseguen validar o termo recorrendo á xente, a veciños de máis idade que dan conta do uso da palabra e do significado que tiña. Fano a través de enquisas encubertas que propoñen aos participantes nos obradoiros de memoria do Barco. «Así temos que chinquir é laiarse en Veigamuiños, pero en Éntoma úsase chincar», di.
En todo caso, Álvarez remarca que todos os integrantes da comisión son filólogos, non lexicógrafos, polo que estarían abertos a cambios se un investigador dunha universidade tivese outras consideracións. Porque o que está claro, di, é que este é un proxecto dinámico e, polo tanto, aberto a ir mudando. Para este ano queren poñer en marcha dinamizacións coas asociacións de veciños e colexios para que o dicionario medre. E abren o camiño a refráns e fraseoloxía.
A xerente da fundación recoñecen que as achegas da poboación levou aos membros do padroado a cambiar as expectativas. Álvarez confía en que o dicionario poida ser unha realidade en papel no prazo de dous anos.
Outro dos membros da comisión de lingua é Manuel Agra. Chegou a Valdeorras hai case 25 anos como profesor. Recoñece que naquel momento o que máis lle chamou a atención foron as moitas palabras que teñen que ver coa vexetación e que non había en Santiso, o seu concello natal. «Tamén me tiven que acostumar a usar bullote, porque eu sempre dicía castaña», sinala. «A perda de falantes e do modo de vida no rural fará que moitas destras palabras desaparezan», lamenta. Cre que o dicionario da fala é unha boa ferramenta para evitar que se perdan as formas propias do idioma en Valdeorras.
Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura, confesa estar moi contenta do traballo feito pola comisión. Gábase de ter conseguido validar leiturga, unha palabra típica de Valdeorras xurdida da mestura de leituga e leitarega, que é unha variedade máis brava. «Volvíame tola porque non había nada sobre o termo, pero conseguín atopar a etimoloxía», di. Ela, que tampouco naceu na comarca, confesa que algunhas das palabras que máis lle chamaron a atención a primeira vez que as escoitou foron, entre outras, o uso de mandar por ofrecer (regateando na feira, a súa sogra díxolle que lle mandase un prezo máis baixo ao vendedor) e encirrar ou encerretar en referencia a meterse con alguén para que salte.
Velaquí vai unha mostra de palabras da fala valdeorresa, unhas validadas xa e outras en proceso.
Amerodo. Albedro, froito do arbutus unedo ou érbedo. Froito de inverno redondo de cor vermella por fóra e amarelo por dentro. Este termo aparece nos dicionarios como froito da amorodeira, o que en castelán sería fresa. A peculiaridade aquí é que se usa para o froito dos érbedos, arbustos salvaxes. Atópanse variantes como amorodo ou merodo.
Breque. Recheo das empanadas.
A Real Academia Galega recolle a palabra co significado de tirón forte e noutras obras de consulta como un tipo de peixe, pero en ningunha obra aparece con ese significado, de aí que fose cualificada como unha palabra propia de Valdeorras.
Cochar. 1. No xogo dos birlos, non chegar a bóla ata a liña de sinal. 2. No xogos das bólas facer un mal lanzamento.
Aparece nalgúns dicionarios antigo co significado de tapar, cubrir, quitar a maleza, retirar do lume, etc.
Delourar*. Verbo referido ao primeiro secado da roupa ao aire libre.
Estordegado. Calidade do que non está recto, retorto. Este adxectivo aparece na obra de Florencio referido aos castiñeiros ou castiros, referíndose a un tronco está retorto e non mantén a súa forma orixinal.
Froxar. Movemento que se fai cara atrás.
O que queda claro no uso que fai Florencio é que se refire a unha acción que realiza o carro ou que se lle fai ao carro no proceso da súa construción.
Gandaia. Reunión social na que hai música e baile, festa, foliada.
Termo recollido pola RAG como gandaina co significado de diversión buliciosa. A palabra presente na fala valdeorresa perdeu ese —n— intervocálico na derradeira sílaba.
Inguichar. Acción de erguerse o pene como resultado do excitamento sexual.
Libradura. Expulsar a placenta a vaca. Variante: Esquitas.
Non aparece nos dicionarios correntes e só nun especializado aparece como sinónimo de «Libras, envolturas fetais».
Morneira*. Montón de varios mollos de cereal no que se vai agrupando nas terras antes de levalo á aira.
Nina/o. Forma familiar para referirse a unha persoa habitualmente máis nova.
Poteiro. Augardenteiro, destilador. Oficio consistente en destilar o augardente coa pota ou alquitara.
Quiobra. Cobra.
Ralbar. 1. Movemento vertical dun obxecto ou persoa, chimpo. 2. Subir por unha superficie usando as mans e pés, gabear.
Souteira*. Muller que ía traballar na tempada da recollida da castaña. Apunta o informante que a Biobra (Rubiá) chegaban de todos os puntos da xeografía valdeorresa, habitualmente andando. A finais da década dos anos 50 cobraban arredor de 800 pesetas por un mes de duro traballo.
Tafo*. Gas que se acumula nas covas durante a fermentación das uvas.
Urichar*. Ver ou observar a alguén sen ser visto, por exemplo desde o buraco dunha pechadura, ou desde a abertura da cortina dunha ventá.
Vacía*. Salgueiro feito co tronco baleirado dunha árbore para salgar a carne do porco
Xostra*. Preguiceira, vaga. Persoa á que non lle gusta traballar.
Zufreiro*. Forma empregada na Medua (Carballeda) para referirse á sobreira, unha árbore.