Nin o sol quixo faltar á primeira ronda do fulión de interese turístico nacional

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

OURENSE

Manzaneda viviu onte o día grande do seu entroido xunto a agrupacións de Vilariño, Buxán (O Bolo) e Trives

17 feb 2026 . Actualizado a las 20:46 h.

Despois dun longo tren de borrascas nas que acabamos por non saber nin os nomes de cada unha delas, o día solleiro que se viviu este martes foi un convidado perfecto para a ronda máis especial que se ten vivido en Manzaneda. Non porque sexa a máis tradicional, porque para iso moito mellor ir a calquera das visitas ou ás fuliadas que se veñen celebrando desde hai case un mes, pero si porque tiña un compoñente especial: era o primeiro martes gordo no que o entroido presumía de ser festa de interese turístico nacional. É unha declaración compartida con Vilariño de Conso e Viana do Bolo baixo o nome de entroidos do oriente ourensán e co nexo común de reivindicarse como a terra do fulión. Nas aldeas escondidas nas montañas foi onde mellor se conservaron os toques, os traxes e os movementos que a día de hoxe fan destes uns entroidos diferentes.

Como en todos os días grandes, os da localidade anfitrioa non estiveron sós. Onte ata Manzaneda viaxaron o folión de Vilariño de Conso e varios da Pobra de Trives. Este ano, ademais, estreaban invitación os de Buxán, no Bolo. En total nove agrupacións que se encargaron de facer a ronda pola vila, dúas delas con visita incluída ata a residencia de anciáns, para os que non poden saír tamén puideran gozar tamén da tan desexada celebración. O que caracteriza o entroido de Manzaneda é que non hai comparsas nin carrozas. Aquí só se esperan folións.

En Manzaneda hai tres. Está o da parroquia de San Martiño, o que vén sendo o da vila e arredores. Outro é o da Mourela pa’ acá, que reúne ás aldeas que están do outro lado do río Mourela. En tempos había un en cada unha, pero coa perda de poboación acabaron por xuntarse nun só. Iso si, cada ano cando van cambiando de núcleo a súa fuliada para que todos os veciños vivan a ronda de cando en vez á porta da casa. E tamén está o de Cesuris, máis modesto en número pero coas súas peculiaridades no traxe da mázcara, con pantalóns bombacho estampados, e tamén no pucho, porque aquí todos levan a cara tapada, algo que non sucede nos demais (aínda que algún tamén hai).

O que si comparten os tres é que son figuras que bailan, e fano ao ritmo que lle vai marcando o fulión, dando botes todo o tempo sobre un mesmo sitio, primeiro cara os lados para despois dar a volta completa nun movemento que non, sempre cos brazos en alto.

Rematada a ronda, como toda festa que se prece, tocou xantar. No pavillón celebrouse a comida popular, que desta volta estreaba menú a base de cocido. E despois, volta a tocar o fulión algúns. Os de Trives, para a casa, que tocaba desfile na vila.