As máscaras do entroido enchen as vilas de Ourense

Uxía Carrera Fernández
U. CARRERA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

As pantallas estreáronse en Xinzo e os cigarróns en Verín no domingo de corredoiro nunha tregua de bo tempo

08 feb 2026 . Actualizado a las 21:41 h.

A tradición protagoniza o fin de semana previo aos días grandes do entroido. Cada vez máis máscaras e figuras da provincia se deixan ver para miles de veciños e visitantes da celebración por excelencia de Ourense. Este domingo de corredoiro volveu encher Xinzo de Limia para recibir ás pantallas e Verín para ver desfilar aos cigarróns. Impuxéronse incluso ante a borrasca, que deu un respiro pola mañá e respectou aos verdadeiros reis e raíñas do entroido.

Centos de limiaos e verineses volveron vestirse despois dun ano de espera. Un ritual que empeza nas casas para colocar con detalle os traxes á perfección e remata escondéndose detrás da súa máscara. En Verín, os cigarróns esperaron aos fregueses á saída das igrexas para despois desfilar polas rúas da vila. O número de figurantes segue crecendo con xente de tódalas idades e un relevo xeracional máis que asegurado. Tamén son cada vez máis os visitantes que queren ver o paseo de cores ao son das chocas, inundando o núcleo urbano da localidade do Támega. O municipio do sur ourensán presumiu de identidade viva no seu día máis especial. O paseo dos cigarróns estivo seguido de música y charangas e tamén se deu o pregón do entroido.

En Xinzo vívese un entroido diferente. A tradicional celebración coincide este ano cas protestas do sector primario, precisamente o motor económico da comarca, que aínda manteñen cortada a autovía ao seu paso polo municipio da Limia. O desvío do tráfico pola N-525, que atravesa a vila, espertaba alarmas na Dirección Xeral de Tráfico, xa que non se podería realizar ningunha afección na carreteira nacional por ser a única vía alternativa da A-52. Dende o Concello, que apoian a mobilización, cambiaron o percorrido do corredoiro para que as pantallas puidesen convivir con esta circunstancia. E así foi. As raíñas do entroido de Xinzo volveron saltar pola vila e fixeron soar as súas vexigas. A figura de cores ocupou o centro da praza, rodeados por un abundante público e chegou a todos os recunchos das principais rúas do núcleo urbano. Iso si, en momentos puntuales as propias pantallas tiveron que regular como puideron o tráfico, sobre todo os vehículos pesados, para poder cruzar a vía principal con seguridade. Máscaras e visitantes seguiron reuníndose na praza principal, ao pé da estrada, polo que se formaron atascos durante a mañá.

Aínda que este dous concellos son os máis multitudinarios, as máscaras do entroido saíron en máis puntos da provincia. Celebraron ademais o domingo corredoiro en Toén, en Mugares, co xogo do galo, e en San Pedro da Mezquita, en A Merca. En Trives foi o desfile de folións. Entre as particulares celebracións que engrosaron o programa de carnaval este domingo en Ourense tamén estivo a recollida de Paquita, Nicador e Vicentiño en Seixalbo e o xogo das olas en Eiroás.