A Fundación Vicente Risco acolle unhas xornadas sobre o autor ourensán e Daniel Castelao

La Voz

OURENSE

Retrato do escritor Vicente Risco (Ourense, 1884-1963).
Retrato do escritor Vicente Risco (Ourense, 1884-1963). RAG

Convocouse o premio de ciencias sociais que leva a súa nome, dotado con 6.000 euros

11 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro sábado darán comezo en Allariz as xornadas tituladas «Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital». O encontro inclúe varias mesas de debate nas que especialistas de diferentes ámbitos analizarán o pensamento político, a cultura galega e portuguesa, así como a estética e a creación vinculadas ás figuras de Risco e Castelao.

A inauguración, ás 10.30 horas, correrá a cargo da presidenta da Fundación Vicente Risco  Elvira Carregado. Ás once da mañá celebrarase a primeira mesa, dedicada á conformación do pensamento político, coa participación de Carlos Meixome, Serxio María e Xosé Fernández, e moderada por Luís Martínez-Risco. Tras un descanso de media hora, ás 12.30 horas iniciarase a segunda mesa, centrada na cultura galega e portuguesa, con intervencións de Pilar García Negro, Aurelia Balseiro, Manuel Gago e Paulo Samuel, baixo a moderación de Xosé Manoel Fírvida.

Despois do xantar, as xornadas retomarán a actividade ás 16.00 coa terceira mesa, dedicada á estética e á creación. Nela participarán Isabel Risco, Olivia Rodríguez, Carlos Bernárdez e Isabel Mociño, moderados por Antonio Blanco. Ás cinco terá lugar a presentación do libro «Renascença Portuguesa e Geração Nós», de Paulo Samuel, presentada por Luís Risco. Ás seis da tarde será a quenda da banda deseñada «A Tese de Margot», de Óscar Losada Castro (guión) e Alba Ceide (ilustración), presentada por Xico Paradelo.

A inscrición para asistir ás xornadas é de balde até completar o aforo, limitado a 25 prazas. Para participar é necesario enviar un correo electrónico a eventos@fundaciónvicenterisco.com indicando o nome e o número de DNI.

Por outra parte, a Fundación Vicente Risco convocou o premio de ciencias sociais, co obxectivo de honrar a memoria do autor, axudar á consolidación da cultura e fortalecer as relacións de Galiza con Portugal e coa lusofonía. Presentaronse as bases do premio, dotado con 6.000 euros.