Florencio Delgado Gurriarán uniunos para crear unha nova asociación cultural en Valdeorras

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO

OURENSE

A asociación Nadel está formada por Ana Rosa Santos, Rubén Alvariño (tesoureiro), Iria Vila (presidenta) e Jorge Moral (secretario).
A asociación Nadel está formada por Ana Rosa Santos, Rubén Alvariño (tesoureiro), Iria Vila (presidenta) e Jorge Moral (secretario).

Catro mozos están detrás de Nadel

30 sep 2025 . Actualizado a las 16:56 h.

Nadel era o pseudónimo co que Florencio Delgado Gurriarán firmou algúns dos seus poemas. E é tamén o nome que elixiron catro mozos de Valdeorras para poñer en marcha unha asociación cultural, nunha forma de poñer en valor todo o que o de Córgomo significou para a comarca. «Viñamos de proxectos anteriores a nivel cultural galego e queríamos seguir defendendo que a cultura chegue a todo o mundo. En Valdeorras hai cultura pero de repente non avanza, non se da voz a novos artistas. Sempre quedamos nos que xa coñecemos», explica conta Ana Rosa Santos, responsable de prensa dunha agrupación que está presidida por Iria Vila. Jorge Moral é o secretario e Rubén Alvariño é o tesoureiro.

Nadel nace coa idea de compartir, crear e chegar a nova xente. «A nivel educativo, sociocultural ou lúdico», apunta Santos. Buscan ser un espazo no que compartir calquera expresión artística. «Queremos axudar ao desenvolvemento persoal, colectivo, lingüístico, artístico, histórico... E tamén crear diálogo interxeracional», engade.

Agora mesmo están traballando na procura dunha sede física, mais están presentes en redes sociais para quen queira unirse ao proxecto mentres non chega o ansiado local. «A asociación está aberta a todo o mundo», di.

O seu primeiro proxecto é Poesía Frigorífica, un cuestionario sobre poetas de Valdeorras que levaron á feira de produtos tradicionais do Eixo Atlántico que se fixo no Barco e no encontro poético impulsada pola fundación FDG en Petín. Os participantes reciben como agasallo diferentes versos que se poden pegar na neveira para poder crear infinidade de poemas. Unha forma de espallar os versos de autores do oriente ourensán e que eses entren ata a cociña dos veciños da comarca.

«Queremos coñecer as historias dos nosos maiores para identificar a cultura galega a nivel lingüístico e artístico; e tamén acompañar aos artistas que non se animan a publicar», di. E engade: «Hai moita xente creando que non ten espazo no que poder mostrar o seu traballo». Nadel busca a toda esa xente. «Para axudar a crear e difundir contidos culturais galegos e en galego», di. Poñen o foco no uso da lingua: «Para nós o galego é unha marca nosa e gustaríanos non só levar a cultura galega polo mundo, senón tamén levala en galego».