A Banda de Música Santádega: «Non somos a Panorama, pero temos o noso público e estamos orgullos»

Bárbara María OURENSE

OURENSE

A banda de Santádega, de Coles, durante unha das súas últimas actuacións
A banda de Santádega, de Coles, durante unha das súas últimas actuacións Miguel Villar

O grupo de música do Concello de Coles está conformado por veteranos e rapaces de ata os 18 anos

07 jul 2025 . Actualizado a las 17:14 h.

O 2008 foi un momento significativo para a Banda de Música Santádega, pois a súa creación remóntase a aquel ano. Xurxo Seara Alonso é clarinete terceiro e tesoureiro do grupo e con 70 anos comparte táboas con novas promesas que ano tras ano se incorporan dende a Escola de Música do Concello de Coles.

A banda ten actualmente 63 músicos habituais que conforman un grupo de referencia non só para a provincia, senón tamén a nivel galego… e nacional. Ao longo da súa traxectoria recibiron diversos premios e actuaron en eventos de notoria envergadura. Un exemplo disto é a súa participación no 136.º Certame Internacional de Bandas de Música de Valencia, en xullo do ano pasado. Este verán estanse a preparar para unha nova edición do Certame Internacional de Bandas de Música en Aranda de Duero, no que actuarán o domingo, 29 de agosto.

Aínda queda tempo, pero Seara afirma que o certame de Aranda é particularmente esixente pola calidade dos grupos participantes que chegan dende distintos puntos de España. Máis alá dos premios, o que desexan é «deixar pegada» alá onde vaian e o seu tesoureiro augura un bo futuro para o grupo: «O noso director, Roberto Iglesias, é un gran batuta. Aprendemos moito del e da nosa presidenta, Begoña Fragata».

Con todo, Seara define como complicada a situación actual da música en Galicia no seu eido. Di que non existe unha «cultura de apoio» sólida para intentar manter ás bandas que, moitas veces, non se poden autofinanciar elas mesmas: «Non somos a Panorama, pero temos o noso público e estamos orgullos».

A pesar do rexurdimento de grupos musicais grazas ás axudas na creación de escolas, como a Banda de Gaitas de Cea, Seara sitúa a falta de apoio institucional como o maior obstáculo á hora de medrar como agrupación no ámbito galego: «Ourense é unha zona con gran tradición de bandas, por iso creo que se lle debe dar á música o lugar cultural que certamente merece».