Píscore propón moita música e humor no seu espectáculo «Concerto singular»

La Voz

OURENSE

Píscore
Píscore

A compañía galega estará coa súa montaxe este domingo na praza de San Martiño

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 4 • 19.00 horas • Praza de San Martiño • De balde • A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, Miteu, sae este domingo á rúa para ofrecer aos seus espectadores unha nova proposta escénica. A mesma chegará en clave galega e cun propósito claro dende a mesma concepción da montaxe: facer rir e gozar aos espectadores a base de moita música e moito humor.

 

A proposta «Concerto singular» nace dun plantexamento ben definido: «Que acontece cando se convoca a catro grandes solistas par un único concerto?». Pois que nos atoparemos con catro grandes músicos fronte a un importante conflicto: 16 baquetas e unha soa marimba para tocar. Os intérpretes están comprometidos a facela soar do xeito máis orixinal e abraiante, aínda que organizarse para que así sexa semella que non vai ser doado.

Píscore, compañía creada no ano 2016 por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas —catro músicos galegos formados cos mellores mestres galegos e internacionais— enmarca a súa filosofía escénica na mellor tradición dos grupos que mesturan a excelencia musical co humor. O obxectivo do grupo pasa por chegar a cubrir ese oco en Galicia e facelo na liña de traballo de recoñecidas formacións estatais. «Concerto singular» chegará á praza de San Martiño para ofrecer aos espectadores unha proposta escénica na que se mesturan o virtuosismo musical e os ritmos coa comedia xestual, o clown e a participación do público.

 

Aula de Teatro de Burgos

O programa da semana da Miteu comezará coa presenza do grupo de Burgos e a montaxe «Proyecto Laramie». Poderase ver o luns, ás 20.00 horas, no Principal.