Denuncian o «secuestro» dun meco que representaba a un concelleiro de Jácome

La Voz OURENSE

OURENSE

Meco pendurado pola Agrupación Cultural Auriense na praza dos Suaves.
Meco pendurado pola Agrupación Cultural Auriense na praza dos Suaves.

A Agrupación Cultural Auriense di que, como xa ocorrera outros anos, «todo apunta a que volveron ser as autoridades municipais»

19 feb 2025 . Actualizado a las 19:49 h.

Agrupación Cultural Auriense ten xa como tradición de entroido pendurar un meco no cedro da praza dos Suaves e xa está empezando a converterse en tradición tamén que esa figura desapareza misteriosamente. Nesa ocasión representaba ao concelleiro de Urbanismo do Concello de Ourense, Francisco Lorenzo, cunha botella na man e subido nun BMW. Facían referencia dese xeito ao accidente que protagonizou o pasado verán o coche do edil. O condutor fuxiu do lugar e Lorenzo non quixo atender aos policías que foron ata a súa casa porque os seus pais explicaron aos axentes que bebera «en exceso».

O caso é que, como xa ocorrera en anos recentes, o meco desapareceu. Os membros da Agrupación Cultural Auriense colocárono o domingo e este martes denunciaron o seu «secuestro». Segundo din, «todo apunta a que volveron ser as autoridades municipais», polo que urxen a súa «posta en liberdade».

«Poden poñerse en contacto con nós para entregalo ou deixalo no mesmo sitio do que o quitaron e xa o quitamos nós a o remate do entroido», termina dicindo o comunicado difundido pola entidade cultural, que chega á conclusión de que ao goberno municipal «non lle gusta o entroido».