Xoti de Luis volve ao circuíto expositivo con «The wall»

La Voz

OURENSE

A exposición  The Wall , de Xoti de Luis, poderase ver no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o 2 de marzo.
A exposición The Wall , de Xoti de Luis, poderase ver no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o 2 de marzo. Santi M. Amil

O artista amosa o seu traballo no Centro Cultural Marcos Valcárcel

17 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 2 de marzo • Centro Cultural Marcos Valcárcel • Ourense • Xoti de Luis (Vigo, 1953) é un histórico da arte galega que leva máis de medio século desenvolvendo a súa traxectoria creativa e profesional. Xoti de Luis —nome artístico de Juan Manuel de Luis Alemany— ten vivido ao longo destas décadas en cidades como Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, e na actualidade ten o seu taller en Ferrol. Nos seus comezos, nos primeiros anos da década dos 70, formou parte de grupos como A Carón, A Galga ou Gruporzán. No primeiro deles compartiu inquedanzas e proxecto con artistas como Correa Corredoira, Mon Vasco e Xaime Cabanas. Ao mesmo tamén estaban vencellados escritores como Agustín Fernández Paz, Paco Taxes e Ánxeles Penas. En A Galga colaborou con Alberte Pemuy, Fermín Encinar e Pepe Galán nuns tempos de arte conceptual, abstracción e performances.

 Logo de anos retirado do circuíto expositivo Xoti de Luis volve a encontro co público e para facelo escolleu o Centro Cultural Marcos Valcárcel. Dende onte está aberta ao público no edificio Simeón a mostra «The wall». Para pechar a súa etapa afastado do mundo das mostras artísticas o creador apostou por un proxecto, o que se pode ver dende este xoves en Ourense, formado por unha escolma dos seus traballos máis recentes.

En relación ao novo e agardado proxecto do artista sinala Xurxo Taxes que os traballos pendurados no Marcos Valcárcel «agochan experiencias, sensacións, emocións, soños e pesadelos. Neles, os muros de aldeas, vilas, pobos e cidades galegas transfórmanse, entre outras metamorfoses, en valos e peches de galiñeiros bidimensionais, feitos de cor, materia, luz e sombra, os ingredientes primarios do creador dende aquel temperán informe de 1973». Obras que custodian a memoria do pintor e dos espazos nos que habitou e que son pinturas de signo existencial, como sinala Taxes.