Os alumnos da Escola de Artes e Oficios expoñen os seus traballos na Biblioteca Nós

La Voz

OURENSE

A Escola de Artes e Oficios expón na Biblioteca Nós
A Escola de Artes e Oficios expón na Biblioteca Nós Miguel Villar

A institución, con 132 anos de historia, é unha das máis antigas de Galicia

24 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Biblioteca Nós está aberta ao público, dende este xoves, a exposición con traballos do alumnado da Escola de Artes e Oficios da Deputación de Ourense. A mostra asoma unha selección de traballos realizados polas persoas que cursan os seus estudos nas disciplinas de Debuxo, Pintura, Talla en madeira, Modelado en barro e Olería.

O deputado de Cultura e vicepresidente segundo da institución provincial, César Fernández Gil, lembrou que a escola é un centro de formación que leva activo dende hai 132 anos, sendo unha das escolas máis antigas de Galicia destas características. «A inspiración na creación e desenvolvemento da Escola de Artes e Oficios, en 1892, foi tomada do movemento británico Arts & Crafts, de William Morris (1834-1896), na segunda metade do século XIX», lembrou o representante da institución provincial.

O director da escola, Francisco González Bouzán, incidiu no feito de que a creación manual é unha oferta formativa de gran atractivo. «A Escola de Artes e Oficios segue a manter o seu pulo, cun notable incremento do número de matriculados, albiscando un futuro esperanzador para as artes e os oficios manuais na provincia», sinalou.