Verín une tradición e solidariedade na Festa dos Maios

La Voz OURENSE

OURENSE

O recadado pola venta das coplas destinarase a un proxecto solidario de Save de Children
O recadado pola venta das coplas destinarase a un proxecto solidario de Save de Children cedida

Dez esculturas vexetais e once coplas particpan na cita do mércores na vila do Támega

28 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Verín celebra este próximo mércores a Festa dos Maios, unha cita que na vila do Támega é tamén unha oportunidade para ser solidarios xa que se ofrece a oportunidade de colaborar tanto en causas locais como xerais. A venda de coplas do certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín, é un deses xeitos de colaborar. O exemplar venderase a 1 euro e todo o que se recade cos cincocentos exemplares destinaranse ao financiamento do programa de atención ás necesidades da infancia na franxa de Gaza que promove Save The Children. Nestas coplas editadas pola institución local colaboraron once centros de ensino, asociacións e outras entidades que desenvolven as súas actividades tanto no municipio de Verín como noutros concellos da comarca. No que se refire ás esculturas tradicionais, este ano haberá dez participantes que se colocarán na praza da Alameda.

Paralelamente, na praza García Barbón instálase a Feira Solidaria. Na cita participan entidades sen ánimo de lucro que ofrecerán todo tipo de produtos ou servizos con fins solidarios. O obxectivo desta cita é recadar fondos para as persoas máis desfavorecidas da comarca a través dos colectivos sociais que traballan no eido local, e tamén achegar aos cidadáns información sobre o funcionamento destas entidades.

A festa arrancará as 10.30 da mañá, hora na que deberán estar instaladas as esculturas efémeras dos maios tanto na categoría tradicional como na artística. Poderanse ver ata as oito da tarde. Este ano están confeccionados polo CEIP Amaro Refojo, CEIP o Princesa de España, o centro rural agrupado Monterrei, o colexio María Inmaculada, o IES Xesús Taboada Chivite, a Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei, asociación de mulleres rurais Flor da Xesta, a asociación verinense Amigos da Música, a ANPA do Conservatorio de Música de Verín e o centro de día Solleira. A xornada estará amenizada pola Banda de Música de Verín e a Banda de Gaitas do Concello de Verín.