Querido Sandín...

La Voz OBITUARIO

OURENSE

Unha imaxe de Luís, durante o entroido do 2023, estreando traxe.
Unha imaxe de Luís, durante o entroido do 2023, estreando traxe.

28 dic 2023 . Actualizado a las 18:22 h.

Ai, Sandín! Poderiamos pasar un bo rato dicindo frases coas que picabamos a un dos mellores felos que vimos, co que disfrutamos e co que compartimos grandes momentos. «Ao Sandín non lle soan as chocas. O Sandín non lle leva badales. O Sandín hoxe non da subido Castro», diciámosche.

Luís, o rapaz do eterno sorriso. Se che facía falta algo, aí estaba pendente el, para ser o primeiro en darche a súa man. Era o que ao día seguinte de rematar o entroido xa nos enviaba unha mensaxe dicindo canto quedaba para o comezo do próximo. Contestabámoslle cun «cala Luís, que temos o corpiño feito escombro e xa estás pensando na volta».

Pero é que Luís adoraba a nosa festa máis tradicional. Nunca esqueceremos as súas frases e as súas ganas de que chegase o entroido. Botaba o ano pensando en vestirse de felo. Atopáralo onde o atoparas, soltábache algo desa data, que era a súa auténtica paixón. A imaxe del subindo o Castro coma un toro era moi típica. Luís era deportista e fisicamente era un animal.

Foi e será un dos mellores felos que vimos percorrendo os nosos pobos, o máis traste. O ano pasado estreou traxe novo e todos pensabamos que non se tiraría ao chan. Pero claro que o fixo, dende o primeiro momento, levantándolle as saias ás señoras do pobo. Entrábache na casa e marchaba co carretillo ou coa roupa. Escapábache co pan. Roubábache as berzas. Poderiamos numerar un cento de trastadas.

Fóisenos un felo e un compañeiro, pero, sobre todo, fóisenos un gran amigo. Non estará máis fisicamente con nós, pero si o fará doutra forma, con cada golpe dos nosos badales contra as chocas. Sempre o levaremos nos nosos corazóns. Este entroido que comeza en breve notarase moito a súa falta pero teremos presente cada día as súas verbas: «Imos a darlle gas e que nos escoiten». As nosas chocas soarán por ti, Luís.

Os teus amigos e felos de Maceda