O festival de arte «Imos ter máis que palabras» encherá de poesía, música, performance e animación o Principal

La Voz

OURENSE

Fátima Delgado, poeta e actriz de Valdeorras afincada en Madrid
Fátima Delgado, poeta e actriz de Valdeorras afincada en Madrid LOLITA VÁZQUEZ

A cuarta edición do certame que dirixe José Lameiras será o próximo día 16

12 sep 2023 . Actualizado a las 14:50 h.

Día 16 • 21.00 horas • Teatro Principal • Ao teatro da rúa da Paz chega este sábado unha nova edición do «Imos ter máis que palabras», o festival de arte e poesía explícita que organiza José Lameiras. Para a cuarta edición desta proposta multidisciplinar que mestura poesía, performance, hip hop, rap e outras facetas creativas vaise contar coa presenza de Carlos Santiago, Fátima Delgado, Marga Tojo, Nuria Erre Pe, Xespi, Jorge «Hombre P» e Sinaka e Suso López. Lameiras aposta un ano máis por un formato diferente que se caracteriza pola axilidade e a mestura de xéneros. «Este non é un festival ao uso e o que se busca é ir a unha proposta diferente, lonxe de esquemas tradicionais e de recitados que se prolongan no tempo. Son intervencións rápidas, de poucos minutos, para darlle axilidade á convocatoria, dinamizala e manter a conexión co público», sinala o organizador. Outra das características que puxo de manifesto «Imos ter máis que palabras» é a de reunir diferentes xeracións e procedencias. «Contamos cunha persoa como Carlos de Santiago —que é actor, músico, dramaturgo, poeta e outras cousas—, unha persoa con experiencia que xa se formou e participou no proxecto da Nasa en Compostela. E da mesma cidade achegarase Marga Tojo, xa con dous poemarios e un premio internacional de literatura infantil», lembra. Ourensáns como a escritora Nuria Erre Pe ou Suso López, músico e poeta, estarán no Principal xunto a Fátima Delgado —actriz, poeta e performance con presenza en Ourense e Madrid—. «A nova poesía, que vén da man do hip hop e o rap, correrá a cargo de Jorge ‘Hombre P’ e Sinaka. E haberá unha sorpresa que, obviamente, non convén avanzar», segundo Lameiras.