Son das que cre que os concelleiros e os alcaldes son persoas moi importantes na vida dos veciños. Porque eles son os que están ao pé do canon, os que escoitan e atenden aos que viven ao seu redor, estean no goberno ou na oposición. Sei que en parte son unha inxenua, porque hai quen non pega pancada, pero tamén sei que hai quen traballa arreo polo ben común e que lle bota horas e horas a cambio moitas veces de unicamente un feixe críticas. Supoño que por iso a xente que vale non quere meterse en política ou marcha escarmentada. A tan defenestrada política. Sei que hai unha parte de inxustiza, pero despois a realidade tamén me amosa xente que só vai nunha lista na busca dun postiño. E despois está esa manía dalgúns partidos de tirar polos paracaidistas, de xogar a presumir de presentar listas en todos os concellos pero en realidade o que presentan é papel mollado. ¿De que serven os candidatos que non coñece ningún daqueles que lle poden votar? A campaña nas municipais vai de falar cos veciños (sobre todo no rural) chamándolle polo nome ou polo alcume da familia. Por iso alucino con que haxa xente que teña o valor (quíteselle á palabra calquera connotación positiva) de irlle pedir o voto á xente cando non sabe nin en que aldea está nese momento. Ou se lle din, «pois eu non son de aquí, son de tal barrio», non saiba seguir a conversa. Se os partidos non parten xa do exercicio de honestidade de dicir «neste concello non imos porque non temos xente», que podemos agardar os cidadáns? A min pareceríame máis honesto traballar para cambiar esa falta de apoio e facer lista máis adiante... pero en política as esperas non valen.