Eu non son moi fan dos animais.Non é que non me gusten de por si, pero son de telos lonxe. Vamos, que non son das que acariña un gato antes de meterse na cama ou das que ten que madrugada para sacar pasean o can. Dáme preguiza, son sincera. Haberá a quen lle pareza criticable. Vale. Pero son consecuente. Non teño animais porque paso de ter que coidalos. Pero se decides telos, xa imos todos grandiños como para saber quen dan traballo. E se non queres choio, non teñas un can. Porque non me vale moito iso de presumir de can pero despois non querer baixar o lombo para recoller as súas cagalletas. ¿Non queres andar recollendo frasca de can? Non teñas can. Tan fácil como iso. Pero se dis que si, apanda. Porque non hai nada máis incívico que sacar o can cagar e deixar todo na vía pública despois de mirar aos lados para ver se non te pillan. Dáche noxo. Eu enténdote. Pero entón, insisto, non teñas can. Porque a min si que me dá noxo ir vendo e cheirando a merda de can cando camiño pola rúa, sobre todo agora que vén o calor e iso só o empeora todo cando de defecacións se trata. E xa me traen de cabeza os que elixen os parques infantís ou o entorno do colexio para levar o can cagar. ¡Iluminados! Os animais dan traballo e hai que pensalo antes de telo, non me vale o de acordar tarde e ver como mellor opción guindalo dunha ponte cara a autovía. Porque iso xa non é ser incívico, é unha historia moito peor. Como o do pobre Pistón, que agora busca unha familia de acollida. Porque, se queredes un can, adoptade, non compredes. Que hai moitos pequenos (e grandes) esperando ter a alguén que os queira. E que recolla as súas cagadas na rúa.