Paracaidistas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Paracaidistas.
Paracaidistas. Carlos Ortega | EFE

25 mar 2023 . Actualizado a las 08:03 h.

Alei electoral é tan curiosa que non che permite votar no concello no que vives se non estas empadroado (o que me parece lóxico) pero deixa que sexas alcalde nun sitio no que non estas censado nin vives. Se tes o apoio veciñal ou por intereses dos elixidos (bo exemplo é Jácome, que é alcalde pese a liderar a terceira lista máis votada), podes acabar gobernando un municipio no que nunca puxeches un pé. Un pouco sen sentido si que parece, sobre todo se temos en conta que o Concello é a administración máis próxima ao cidadán. Algo tan importante coma iso. Porque o alcalde (ou a alcaldesa) é a persoa a quen os veciños acoden para a maioría das cousas. Aínda que non sexa a súa competencia. Porque se supón que é un veciño máis. Por iso nunca entendín que os partidos optaran polos chamados paracaidistas para encher listas. Son xente que desta volta caen aquí e catro anos despois caen noutro sitio. Sempre me pareceu que era mellor optar por un exercicio de honestidade cun mesmo e cos posibles votantes e recoñecer que non hai candidato ou xente para facer unha lista. Sei tamén da dificultade de conseguir que a veciñanza se involucre moitas veces en política, pero boa parte da culpa está nos propios partidos, nas súas estratexias feitas desde arriba. Unha forma de aplicar outra vez máis iso de «todo para el pueblo pero sin el pueblo». Como cando impoñen un candidato ou van buscar un entre os que no pasado estiveron no partido contrario. Sei que as ideas poden mudar, pero cústame moito crer que alguén de dereitas acabe sendo de esquerdas. Ou ao revés. Salvo que o cambio non sexa de ideas, senón de cartos.