Quico Valeiras: «O que me interesa é traballar coa linguaxe e levala ás marxes»
OURENSE
O escritor está a crear unha obra na que terá protagonismo o mito de Edipo
30 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Quico Valeiras é unha persoa agradecida que mestura na súa conversa experiencias e proxectos na mesma medida que recoñecementos aos veciños do Carballiño que o levan axudado nas súas iniciativas, ou aconsellado nas lecturas, e creadores que o teñen orientado. De Manuel Iglesias Nanín —da libraría Escolma— a Eladino Cabanelas —da tenda de deseño galego OZOCO GZ—, pasando pola poeta ourensá Alba Cid —da que tanto estima os seus consellos— ou Alicia Fernández e Eduard Velasco —que o enrolaron na singradura de Chan de Pólvora—. E ao seu compadre do Regadas, o local no que estivo hai anos e ao que volveu. «Teño un bo traballo, como deberían ter todos os camareiros, que me deixa tempo para escribir e para desenvolver a miña vida. Fago a xornada e danme de xantar. Non me podo queixar», sinala.
A hostalería —no pobo tamén estivo no desaparecido Sete Flores e en Compostela na Casa das Crechas— e as tempadas de verán de hai anos nas feiras co polbo —ía cunha tía avoa— foron historicamente sectores nos que o poeta se ten ocupado para ir pasando a vida dende os dezaseis anos.
Dúas das súas referencias creativas —a editorial Chan de Pólvora e Escolma— xuntáronse o pasado mércores na conversa celebrada na libraría carballiñesa con Lorena Souto e el arredor das súas obras Coleópteros e Urda.
Non foi un rapaz de lecturas literarias. «Na casa non había libros de poesía. Si aquelas enciclopedias que lle mercaban á xente que pasaban a vender libros polas casas. Moito lin nela, aínda que había cada cousa —sobre todo de historia— que eran auténticas barbaridades», lembra. No instituto foise achegando aos autores, tamén aos grupos de rock que se decantaban por empregar a obra dos poetas, e recoñece como figuras claves dos primeiros tempos a Lorca, Lois Pereiro e Baudelaire. Do primeiro cita o Llanto por Ignacio Sánchez Mejías e confesa que a súa estadía en Granada o achegou máis á súa obra e á súa figura. Ao de Monforte viviuno no seu ano das Letras Galegas e naquela altura gozou do seu achegamento arriscado á escrita e á vida.
Libro seminal
A filosofía, a política, o ben común e o cidadán camiñan polas súas reflexións. O tempo da cireixa (Positivas, 2019) foi o seu primeiro poemario. Editouno con economía colaborativa, cunha plataforma, e lémbrao cun agarimo especial. «Foi un libro seminal. A xente axudoume e Eladino Cabanelas implicouse a fondo para que saíse. Será sempre unha obra especial porque me achegou a coñecer a outros poetas aos que admiraba, e con algúns rematei participando en obras colectivas, e que son referentes na poesía galega actual. Tamén a figuras como Paco Macías —o editor de Positivas— e a todo o que el leva feito por Galicia», sinala.
Quico Valeiras ten unha visión da creación poética coma un xogo, con George Bataille como referente neste senso. «Interésame a poesía como poiésis —forma de coñecemento e lúdica a un tempo— e a relación da mesma coa filosofía. En todo xogo hai regras e hai que aceptalas. Pero tamén está a perversión de rachar esas regras. O que me interesa é traballar coa linguaxe e levala ás marxes. A poesía dá a posibilidade de ir a unha subversión clara da orde establecida. Interésanme a filosofía e a escrita poética, os límites e tamén o que teñen de política, no sentido máis panfletario». E a fusión de propostas, como os proxectos de entrevistas na rede, as colaboracións co músico Roberto Sobrado ou a mestura de literatura e fotografía en mostras con Alexandre Fernández.
Lembra con paixón os tempos de Chan de Pólvora, polo que o proxecto significou para a poesía galega e pola singularidade da proposta, e recoñece que está a traballar nunha nova obra. «As primeiras achegas son do 2014. Deixeino uns anos e agora volvín sobre o traballo. É un texto no que hai moita reflexión poética. Fala dos corpos, do desexo, dos mitos gregos... e ten influencia de Sófocles e de todo o relativo a Edipo. Agardo poder editalo con Positivas», sinala Quico Valeiras.
Do coñecemento de Eusebio Lorenzo Baleirón e a fascinación pola linguaxe
Cousas da vida. Quico Valeiras fíxose co premio Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro, 1962 - 1986), que foi profesor do Instituto de Bacharelato do Carballiño —o actual IES nº 1— uns cantos anos antes de que el nacera. E no centro foi onde o poeta cursou os seus estudos tempo despois. Do seu paso pola vila queda a lembranza da que se albiscaba como unha prometedora carreira literaria e os encontros poéticos dos que era organizador, xunto con outros mozos e profesores que exercían a docencia no Carballiño e da Asociación Cultural Avantar. Marchou doente e xa non volveu ao edificio de Señorín.
Para o autor de Urda, obra recoñecida co Lorenzo Baleirón de poesía, o premio foi un camiño para atoparse co exprofesor do seu instituto. «Non lera a súa obra e logo de coñecer o seu traballo e de que o seu irmán me falara del e dos seus proxectos foi unha satisfacción porque compartimos propostas e a fascinación pola linguaxe. Foi unha descuberta que me resultou moi interesante», sinala.
Quen é
DNI. Francisco Valeiras González (O Carballiño, 1990) licenciouse en Filosofía en Compostela e formouse logo con mestrados e cursos en Salamanca, Granada e Bilbao. Con «Urda» gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Exerceu como libreiro en Compostela, na desaparecida Chan de Pólvora da rúa de san Pedro.
Que fai. Poeta e camareiro, está a pechar o que será o seu novo traballo literario.