Con 19 anos e xa ten novela de Xerais

Por X. M. Rodríguez

OURENSE

Alejandro Camba

Alba Guzmán publica «Xoaniña de Deus», texto que foi recoñecido co Premio Xuventude Crea

02 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A multipremiada Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) xa conta os días para a presentación de Xoaniña de Deus, a obra que foi recoñecida co primeiro Premio Xuventude Crea de Novela Curta, da Xunta de Galicia. Chega as librarías da man de Edicións Xerais e o acto no que se dará a coñecer o volume desenvolverase o día 2 de decembro na libraría Nobel de Ourense. Desta volta Alba Guzmán percorre os camiños do alzhéimer. «A novela conta a historia dunha muller, Xoaniña, que sofre a enfermidade e que tenta recuperar a súa vida coa axuda de dous elementos: un diario e unha tatuaxe. É unha carreira contrareloxo, o tempo non corre ao seu favor, e se quere lembrar quen é debe facelo coas anotacións que fixo no seu diario e coa axuda de Xavier, o tatuador», sinala Alba Guzmán. A soidade é a compañeira da protagonista nesta novela curta na que hai dúas voces na narración: os textos do seu diario e as pequenas historias que pasaron pola súa vida. Malia súa xuventude, a escritora ourensá gusta das historias pasadas e dos episodios de etapas como a Guerra Civil: «Vivín cos avós na aldea, en Vilamarín, ata unha certa idade e eles contaban o que acontecera naqueles anos, as historias da xente de alí... á miña avoa quedáralle moito medo polo da época da fame e sempre dicía que non quería que eu pasara fame», lembra. Tamén incorpora nos seus textos unha faceta social, o que ela define como unha «vea activista», para abordar situacións como os dereitos humanos, a inmigración ou o feminismo, entre outros. En Xoaniña de Deus incide na realidade do alzhéimer e todo o que leva aparellado, recoñecendo que non é unha enfermidade que tivese presenza próxima. «Non é que fose algo vivido na miña familia. Si que tiven un avó que pouco antes de morrer sufriu unha caída e logo esqueceuse de como se chamaba e tivo unha demencia acelerada», sinala Alba Guzmán.