«Antes un podólogo era simplemente un ?callista?, pero incluso operamos»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O especialista ourensán participa invitado nun curso nos Estados Unidos

28 ago 2022 . Actualizado a las 13:29 h.

Navor Pereira (nacido na cidade suiza de Lousanne no 1985 e criado en Paderne de Allariz) decidiu seguir os pasos da súa irmá e estudou Podoloxía, unha profesión que exerce na clínica privada que ambos comparte en Ourense e que compaxina co seu traballo como enfermeiro no CHUO. Estes días está no The Podiatry Institute de Atlanta (Estados Unidos) facendo un curso de catro días en cirurxía de pé. Trátase dunha formación á que se accede por invitación e na que tamén participa outro ourensán, Borja Pérez.

—Que tal coidan os ourensáns os pés?

—Nos 16 anos que levo traballando, cambiou. Antes a xente viña con dor, cando o problema xa estaba instaurado; e hoxe en día bastante ben. Aínda falta moi conciencia co tema da pediatría, pero o coidado en xeral non é de todo malo. Mellorouse moito, de xente que vén antes de que lle suceda xa o feito. A xente vaise mentalizando.

—Cando hai que ir ao podólogo?

—Os nenos vémolos para estudar como están, valorar como camiñan, sobre todo nas épocas de crecemento. E aí xa lle dicimos que veña cando o neno teña catro anos, ou seis... segundo como o vexamos. Despois na idade adulta non é como nos dentistas de ter que ir cunha frecuencia regular, senón dependendo da persoa. Hai quen por dores, callos ou por tipos de pisada teñen que ir seguido; e hai persoas que botan unha vida enteira sen unha soa dor nin problemas nos pés. Simplemente facer unha consulta preventiva e no momento en que haxa unha dor, non esperara.

—Que importancia ten o coidado dos pés na nosa vida diaria?

—Unha dor nos pés limítanos a vida, polo menos á hora de desprazarnos. Cando temos que coxear porque algo nos doe o problema xa non é a dor do pé, senón tamén a dor do xeonllo, da cadeira, do lombo... O pé é a orixe e a fin de moitos problemas no corpo, normalmente máis a orixe que fin, porque é a base de sustento.

—A xente xa vai directamente á consulta ou aínda dá moitas voltas tras empezar no médico?

—Dependendo da patoloxía e da persoa. Antigamente apenas tiñamos derivacións doutros profesionais sanitarios, sobre todo do colectivo médico. Un podólogo era soamente un ?callista?, que a moita honra, porque é unha actividade superresolutiva, pero facemos moito máis, incluso operamos. Antigamente non tiñamos derivacións. Co tempo, un pouco máis. E tamén empezaron [os médicos] a ter unha concepción da profesión diferente, do que é un podólogo moderno. Antes eramos o terceiro ou cuarto profesional ao que ía un paciente e acababa aquí de rebote. Hoxe xa somos primeiras opcións, aínda que a cirurxía é privada porque non existe o servizo de Podoloxía no Sergas. [As cirurxías do pé son feitas polos traumatólogos dentro da rede de hospitais públicos en Galicia].

—Non están no sistema público, a pesar de ser unha vella reivindicación do colectivo.

—Se entra a Podoloxía no Sergas será por e para o pé diabético, polo menos nos primeiros anos. É como está actualmente noutras comunidades, por un tema de custe-beneficio.

—¿Cal é a operación máis común?

—En cirurxía pequena, as unllas encarnadas. E despois, a de xoanetes e dedo en garra.

—A dura dor de xoanetes...

—A cirurxía é sobre todo para deixar un pé funcional. A xente fíxase no vulto, pero para nós o importante é que o dedo gordo volva ter mobilidade cara arriba, porque é a que necesitas para camiñar. Cando aliñas o dedo e volve a moverse... Porque a mecánica corporal cambia cando iso se deriva, e entón doen os xeonllos. É unha cirurxía que ten fama de dolorosa, pero é moi levadeira.

«A saúde debería basearse na prevención primaria, en non enfermar»

Pereira é especialista en pé diabético, despois de formarse no seu coidado ante a constatación de que unha porcentaxe moi elevada da poboación ten diabete e pode acabar tendo esa doenza. Non só atende aos pacientes na consulta, senón tamén colabora como formador na asociación diabética Auria, con sede en Ourense.

—Especialista en pé diabético...

—Traballo cos pacientes tanto a nivel preventivo como tamén cando veñen con buratos impresionantes... nestes casos para intentar evitar a amputación ou minimizala todo o posible. Eu creo que é aí onde entraremos no sistema público os podólogos; porque moito do paciente complicado que temos é derivado por especialistas do Sergas. Debería habería unha solución pública porque é un problema de saúde pública importante. Hai unha porcentaxe moi elevade de poboación diabética.

—É colaborador da asociación de enfermos Auria.

—Desde o 2006 que rematei de estudar fago de educador para a saúde con Auria. Facemos charlas, talleres educativos... o tema de formación. E eles xa controlan mogollón de pé diabético. Son pacientes que veñen co seu pé normal. O pé diabético é cando tes un problema. Por sorte, en Auria como están moi concienciados en materia de prevención acostuman ser pacientes que veñen en moi bo estado. Iso é o ideal, a prevención primaria, que é no que debería basearse a saúde, en non enfermar, non en ter que curar.