Celsa Perdiz, xefa de servizo de Traballo Social na Área Sanitaria de Ourense: «A execución da Lei de Dependencia é lenta e non responde ao agardado»
OURENSE
A pandemia deixou un aumento «na desprotección de menores»
19 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.É unha referencia inescusable no panorama cidadán e nas batallas sociais a librar. Da lingua ao medio ambiente e da memoria histórica á reivindicación política ou do espazo común, máxico e nunca ben coñecido da raia. Celsa Perdiz Álvarez (Verea, 1961) era unha moza cos estudos recén rematados e cun bo expediente académico cando a administración sacou a concurso dúas prazas para crear o Centro de Orientación Familiar de Ourense. Recoñece que non contaba traballar no que rematou sendo o seu espazo laboral e no COF leva dende que botou a andar. Era o ano 1984. Centro, Universidade e Traballo Social son os territorios onde se desenvolve e vén de ser nomeada xefa de servizo de Traballo Social do CHUO —a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco—.
—Leva cinco anos exercendo a responsabilidade. O nomeamento recoñece o traballo desenvolvido?
—En absoluto. Este non é un cargo de recoñecemento senón funcional. Para asegurar o funcionamento e a calidade na atención sanitaria os equipos teñen unha persoa que coordina, planifica e supervisa o traballo dos profesionais. Estaba exercendo esa función de xeito interino dende o 2017. O cambio é que agora saíu a convocatoria pública, presenteime, resolveuse e saíu no DOG.
—Cales son as situacións máis comúns na demanda cotiá?
—O día a día dunha traballadora social é moi variado e polivalente. A variabilidade nas situacións que abordamos depende moito do servizo onde estea o profesional. A actuación que máis se repite, posto que somos unha provincia con moita poboación maior, sería a reorganización dos apoios cando unha enfermidade altera a autonomía da persoa e a dinámica familiar. En gran número son casos de moita complexidade, emerxencias sociais nas que se non se intervén supoñen un perigo inminente para a integridade física ou psíquica da persoa.
—Nunha provincia avellentada e marxinada a problemática social é especialmente preocupante?
—Ourense atópase entre as comunidades máis avellentadas do Estado. Ao ser maior unha parte importante da poboación, co paso dos anos aumentan as necesidades especiais de atención e coidado sociosanitario. Ademais, moitas persoas van quedando soas e sen rede de apoio familiar, o que aumenta a súa vulnerabilidade.
—Avisaba no 2021 que a pandemia non era só sanitaria e que estaba a afectar aos máis vulnerables.
—A enfermidade non distingue ás persoas, pero esténdese e ataca con máis virulencia aos que xa están nunha situación de partida máis fráxil e logo deixa a estes tamén en peores condicións para recuperarse da enfermidade. Apreciamos un aumento da incidencia na desprotección de menores e tamén da casuística en saúde mental concomitante con desaxustes sociais, e por suposto unha maior demanda de axudas para cubrir as necesidades básicas de subsistencia.
—Ourense conta cos recursos que precisan para dar resposta á demanda que temos?
—Non. A poboación coa que traballamos é cada vez máis dependente e non temos recursos para cubrir as necesidades inmediatas. Dispomos da chamada Lei de
Dependencia, que foi un paso moi importante, pero a súa execución lenta e burocrática non responde ao agardado. E no campo sanitario, e coa nosa demografía, é urxente a creación de unidades de coidados sociosanitarios intermedios que den continuidade a atención e recuperación daquelas persoas que despois dun ingreso hospitalario non poden volver á casa e precisan dun tempo para recuperar a súa autonomía e volver á normalidade.
«A sexualidade non está totalmente normalizada na sociedade»
Tiveron que loitar moi duro, moito, Celsa Perdiz e os seus compañeiros do COF para desenvolver o seu traballo nun escenario inimigo de todo o que eles representaban. A igrexa mantendo a súa imposición nunha transición que non remataba de despegar, a hipocresía dunha realidade asumida de viaxes clandestinas para abortar, o anatema dos métodos anticonceptivos... mais finalmente —teimudos eles— remataron sendo recoñecidos, queridos, premiados e creando escola.
—Case corenta anos do COF. Como era o traballo nos 80?
—O tabú en canto á sexualidade era total, así que tivemos que gañar a confianza da cidadanía moi pouco a pouco para entrar en asociacións de veciños, colexios e parroquias. Non se podía falar de aborto pero practicábase clandestinamente e no extranxeiro. Existía unha dobre moral. Afortunadamente levamos moito camiño andado e hoxe a sexualidade en toda a súa amplitude está normalizada no sistema sanitario e, cada vez máis, en case toda a sociedade. Foi un camiño longo pero con moitas satisfaccións.
—Como valora o realizado?
—Síntome unha privilexiada. Cheguei a esta profesión por unha casualidade e resultoume apaixoante. Fíxome cambiar como persoa, gozo traballando e tiven a sorte de rodearme de profesionais que me ensinaron e me apoiaron en todo o camiño.
—Comentaba hai uns anos que os prexuízos seguían existindo.
—A sexualidade non está totalmente normalizada na sociedade tal e como todos a percibimos. Non existe educación sexual incorporada no currículo escolar, as nenas e nenos aprenden a través da pornografía e a sexualidade cosificada. Isto non axuda nada a que as persoas teñamos e gozemos dunha vida satisfactoria, libre de violencia machista.
Da implicación nas loitas sociais ás viaxes e á paixón por Muíños
Celsa Perdiz Álvarez é da época da EXB —a Educación Xeral Básica—, etapa escolar que cursou nas franciscanas de Celanova. Veuse para o instituto do Posío para darlle continuidade á súa formación e alí cursou os anos do BUP —Bacharelato Unificado Polivalente— e o Curso de Orientación Universitaria (COU) fíxoo en Cisneros. Á Universidade de Santiago de Compostela foise para licenciarse en Traballo Social e Psicoloxía. É doutora en Psicopedagoxía —pola Universidade de Vigo— e profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación, do Campus de Ourense, dende o ano 1994. Formouse en sexualidade en Madrid, no Instituto de Sexoloxía, e conta cunha ampla experiencia profesional e investigadora no campo da orientación familiar e a sexoloxía.
De sempre estivo Celsa Perdiz vencellada ao movemento asociativo e ás reivindicacións sociais. Entre outras moitas cousas foi membro da Mesa pola Normalización Lingüística —nas hemerotecas aparece unha moza que a comezos do 1992 andaba por Valdeorras coa campaña Temos nomes propios, úsaos— e do desaparecido Club Alexandre Bóveda. Mantén que algunhas daquelas iniciativas seguen a ter vixencia, e cando se refire ao camiño que queda por percorrer para normalizar a sexualidade entre os mozos non o dubida: «Como reclamabamos hai máis de trinta anos ‘Educación sexual incorporada no currículo escolar XA!».
Muíños e as terras da raia que nunca foi tal son o territorio ao que fuxe para desconectar.
—Imparte clases en Traballo e Educación Social no Campus de Ourense. En que especialidade?
— Como levo dende 1994 xa impartín de todo. Neste próximo curso dou docencia no grado de Traballo Social: Epistemoloxía e Practicum.
—Logo dunha ampla experiencia na docencia como ve o escenario en xeral. Hai maior recoñecemento e valoración do traballo social?
—Si, empeza a ter visibilidade e a ser considerada unha profesión
esencial nos diferentes campos aos que está vencellada. Tamén foi un camiño longo pero que empeza a dar froito.
—Dende hai moitos anos mantén a implicación en iniciativas cidadáns. Sempre hai algo polo que loitar?
—Sen dúbida. É importante levantarse cada día cunha ilusión e como traballadora social é un mandato profesional estar dentro da comunidade.
—Muíños é o espazo para desconectar e gozar?
—Total! Ao pasar o Alto do Vieiro desaparécenme todas as preocupacións. Si, Muíños é o meu particular «quita pesares».
—As viaxes son a pequena satisfacción persoal?
—Si, é unha actividade que me gusta moito e da que procuro gozar sempre que podo. Tanto viaxar pretiño como facelo tan lonxe como o meu compañeiro se deixe levar.
Quen son:
«Unha persoa traballadora á que lle gusta ter sempre pequenos retos que conseguir, e nese sentido son perseverante. Gozo aprendendo e vendo cousas novas. Son feminista e sinto a necesidade de apoiar causas sociais para resolver cousas que me parecen inxustas. Gústanme as relacións coa xente, a familia e as amigas, ter todos os días un pequeno momento de felicidade».