Cando o mato está denso e alto, os cogomelos non aparecen ou non se ven

Marisa Castro FIRMA INVITADA

OURENSE

Ruta micológica en Celanova
Ruta micológica en Celanova A. Mínguez

A micóloga Marisa Castro fala sobre a vexetación que en Ourense favorece a aparición de setas

23 may 2022 . Actualizado a las 13:31 h.

Todas as persoas saben que os cogomelos son as «frutificacións» dos fungos máis evolucionados, e tamén saben que a súa aparición, como a de calquera froito, depende de moitos factores biolóxicos e ecolóxicos, como a vitalidade do organismo que os produce ou das condicións edafoclimáticas na que se desenvolven. Pero ademais, como para mellorar a diversidade fúnxica ten grande influencia a vexetación, na provincia de Ourense vese favorecida pola presenza tanto de carballos e rebolos como de sobreiros e enciñas, ademais de bosques de ribeira nos seus ríos.

Galicia ten condicións para ser unha rexión rica en cogomelos: humidade alta, temperatura suave, solos ácidos e extensa zona arborada, pero ao ir á provincia de Ourense a diversidade ecolóxica mellora. Por unha banda, aparecen extensos espazos calcáreos, como o Parque Natural da Enciña da Lastra, pouco frecuentes no resto do territorio galego e por outra, nalgunhas zonas a climatoloxía continental é responsable de que a produción de cogomelos sexa próxima á da rexión fitoclimática mediterránea, por isto nesta provincia aparecen tanto especies propias de centro europa como tipicamente do sur da Península Ibérica. Tanto se pode atopar unha cantarela (Cantharellus grupo cibarius) como un gurumelo (Amanita ponderosa). Isto é fantástico!

No fin de semana pasado os membros do Grupo Micolóxico Galego durante unha visita a terras de Celanova víronse sorprendidos pola presenza do madeirudo negro (Boletus aereus), o menos frecuente da sección Edule, e unhas preciosas Amanita beillei, a única do xénero que en Europa ten as esporas entre rosado e ocre, a diferenza das demais que as teñen brancas. Os dous son pouco frecuentes no resto de Galicia.

A riqueza, en cantidade e calidade, destes «froitos» naturais hai anos que foi descuberta en Ourense por empresarios innovadores, como Pepe Posada, un galego pioneiro en moitos campos, tamén na compra e venda de cogomelos diversos, e co que tiven a sorte de compartir numerosas xornadas micolóxicas e culturais.

Hoxe este negocio debería funcionar mellor que antes, xa que, incluso en Galicia, o consumo aumentou e os prezos tamén son cada vez máis estimulantes para o apañador e para o intermediario. Con todo, existe un terrible problema, ao que Ourense non é alleo. Estou a referirme á falta de ordenación e de silvicultura nos montes.

O mato está denso e alto, co cal, os cogomelos non aparecen ou non se ven. As especies micorrícicas de tamaño grande, entre as que se atopan moitas das boas comestibles, precisan terreos aireados e luminosos e, aínda que agromen, son difíciles de ver e de apañar entre tanta vexetación no sotobosque.

Existen plantacións e bosques noutras zonas da Península que son limpos e coidados. Xa se sabe que é máis doado ter un piñeiral limpo en Soria, que en Galicia. Os coidados fanse, en boa medida, coa axuda económica que se obtén a partir da venda de cogomelos producidos neles durante o outono.

Aquí a climatoloxía húmida non axuda, pero é un círculo vicioso, porque cando se roza hai máis produción, e se aumenta a produción aumenta o valor económico obtido. De feito, no nordeste transmontano (Portugal) hai propietarios que obteñen anualmente máis diñeiro cos cogomelos, incluso contratando persoas que os apañan e preparen para vender ao intermediario, que coas castañas.

Máis diñeiro, máis postos de traballo para rozadores e apañadores e menos incendios ou menos perigosos, xa que os lumes poden ser atacados mellor nun terreo limpo, que na foresta «a monte», valga a redundancia.

En resumo, os terreos serían máis rendibles se, tal como a lei autoriza, se fixeran coutos que permitirán que as plantacións e os bosques sexan lucrativos a corto prazo e no futuro. Ademais, unha das consecuencias disto é que o aproveitamento sostible leva asociado o cumprimento da lei (DL 73/2020 de 24 de abril) co fin de controlar a apaña abusiva e o xeito correcto de facelo para que a biodiversidade se conserve.

Marisa Castro é investigadora en Micoloxía e directora científica de MycoGalicia Plantae