«A maneira de quitar prexuízos é dicindo a verdade»

OURENSE

José Antonio Pérez Bouza indaga na súa primeira novela ,«La epifanía del silencio», nos segredos calados nas aldeas galegas

21 may 2022 . Actualizado a las 09:11 h.

Cun amplo currículo de publicacións especializadas en lingüística e literatura, materias das que é catedrático, José Antonio Pérez Bouza (Vilar de Cas, Muíños, 1953), vén de publicar a súa primeira novela de ficción «La epifanía del silencio» (grupo editorial Círculo Rojo), unha narración que reflexa o amor do autor pola cultura rural e que tamén permite indagar nos prexuízos. As influencias de Faulkner e García Márquez, e tamén a de Torrente Ballester —a quen o autor tratou en Salamanca— sobrevoan sobre esta novela de «estrutura arquitectónica». Pérez Bouza, quen foi profesor de ensino secundario durante 42 anos en Barcelona e no sur de Francia, recoñece que «escribir non é fácil».

—O ambiente rural marca a novela?

—O leitmotiv é a vida de aldea. Eu marchei para Madrid e logo a Barcelona e tiña amor polo campo. Coñecía perfectamente os traballos manuais, porque viña axudar na casa nas vacacións, e quería recollelo etnograficamente nunha fabulación literaria. Como lector de Faulkner e García Márquez, escollín o estilo indirecto libre porque me pareceu a técnica máis perfecta para meterse no personaxe e describir a individualidade. Quería recoller eses silencios públicos das aldeas, onde falaras do que falaras cando facías as labores do campo, a xente deixaba asuntos sen confesar. Parece un oxímoro, unha contradición, pero era o común das manifestacións entre veciños, había cousas que sempre se calaban: o valor das cousas. Se unha rapaza quedaba preñada dun mozo, os pais del non falaban diso co fillo ou ese pai que nunca se dirixía o fillo natural nin a nai pedía dereitos ou recursos para coidar o meniño. Hai dereito a esas historias, a eses silencios que pretenden esconder os fillos? Eran silencios amorais. Se coñeces un secreto, a maneira de quitar os prexuízos é dicindo a verdade.

—Como está estruturada?

—Na primeira parte da novela aparecen eses traballos no campo, como a sega, con descricións nas que busquei a exactitude para recoller os nomes dos apeiros de labranza, aínda que me custou traducilos ao castelán. Na segunda parte, trata a vida persoal da mocidade da aldea, con pasaxes de como facían o amor, e aquel secretismo que había. Todo o mundo sabía que existía pero non se dicía, como se mesturaba ese silencio. Na novela hai de todo, incluso pasaxes profundamente eróticas. Hai elementos góticos, románticos. Hai unha estrutura arquitectónica na novela que permite indagar no prexuízo do silencio, que eu consideraba universal.

—A que público está dirixida?

—Coido que é para xente de máis de 40 anos. Aos meus fillos xa lles custaría moito. Pola temática do campo, unha cultura que está esmorecendo. Pero a xente que a leu di que é interesante. O importante nas obras non é a temática, senón que che atraian desde o primeiro capítulo.

—Ter estudado Literatura axuda a escribir?

—Din clase 42 anos como catedrático no ensino secundario. Un le moitísimo, pero escribir é un castigo, unha loita con un mesmo. Dá unha dose de liberdade, pero non é fácil. Corrixía diariamente desde a primeira páxina para deixala o máis perfecta posible. Espero que a próxima, inspirada nos museos do sur de Francia, non tarde tanto.