O conxunto da praza de San Cosme creado polo escultor é o símbolo do Nadal na cidade
03 ene 2022 . Actualizado a las 13:03 h.As festas de Nadal son o tempo no que cada pobo, parroquia, veciño, institución ou cidade tenta contar co seu sinal de identidade para estas datas. Ese símbolo que se asocia ao lugar que o promove e que, ao cabo, tamén lle dá sona ao mesmo. Lonxe de fastos luminosos e doutro tipo os ourensáns senten como algo propio, aquilo do que gabarse e que desexan ensinar aos seus convidados para que o coñezan, o conxunto que foi creando con agarimo e paixón o escultor que era quen de facer falar ao barro.
O belén de Arturo Baltar (Barra, Coles, 1924 - Cachamuíña, O Pereiro de Aguiar, 2017) é o espazo máxico ao que se achegan cada Nadal os ourensáns para gozar dunha obra de arte á que asocian coas celebracións vencelladas a estas festas. Na capela da praza de San Cosme e San Damián foi xuntando o escultor todo ese paraíso que forman as escenas propias da celebración, xunto cos oficios e os traballos populares que marcaron o tempo do neno e o mozo Baltar. Dende os artesáns aos feirantes cos que se quixo marchar de cativo ou ao fotógrafo que tira esa imaxe familiar que o artista, cando neno, non conseguiu que se materializase.
O Belén de Baltar é a maxia de Nadal que o escultor quixo crear e que atopou no marco histórico onde se pode visitar o seu escenario acaído. A pelerinaxe das pezas do artista comezou nos soportais da casa do Concello e foi mudando de escenarios ata conseguir o espazo desexado. Un conxunto que tamén contou coa axuda, na decoración do lugar, dalgúns dos seus compañeiros da etapa do Volter e dos artistiñas.
A «apertura ao público» do belén de Arturo Baltar é o acto simbólico que marca o Nadal na cidade, aínda que a referida apertura non sexa outra que a da porta principal da capela, xa que ao conxunto creado polo escultor pode accederse cando se realiza a visita ao museo dedicado ao artista.
O Museo Arturo Baltar é o único centrado na obra dun artista que existe na cidade e no mesmo poden coñecerse algunhas das pezas máis simbólicas do escultor. As súas caixas con espazos coñecidos ou con pezas relixiosas son unha parte destacada do seu legado.