Hoxe é por tradición o día da saúde. A todos os que o gordo non nos vaia cambiar a vida esta mañá, sempre nos queda iso de «o importante é ter saúde». Que por repetido que sexa non é menos certo. A saúde dun mesmo, a dos que nos rodean e incluso a dos descoñecidos. Só hai que ver a que estamos pasando desde que un virus chegado da China nos tivo durante meses pechados na casa e aínda hoxe nos ten baixo restricións (en parte autoimpostas en base ao sentido común). E agora á expectativa de que vai pasar coa ómicrom, esa variante con nome de vilán. Así que si, sen dúbida o importante é a saúde. Non só a dun mesmo, senón a da colectividade. Porque incluso pensando de forma puramente egoísta, que esteamos todos ben tamén redundará en cada un de nós. Porque tal vez así algún día recuperemos esa vella normalidade que tanto boto de menos. Boto de menos ata a rutina de ter que facer cola para poder pedir na barra dun bar. Boto de menos non poder ensinarlle á pequecha a esquivar ás vellas con paraugas á caza de caramelos na ateigada cabalgata de Reis. Boto de menos a música machacona das barracas nas festas. Boto de menos as carreiras polos aeroportos porque sempre me parece que levo tempo (e non). Boto de menos todo o que moitas veces antes odiaba de cheo polo de abarrote que implicaban. Por iso hoxe penso que sería xenial se a todos nos tocara saúde. A ver, que unha chea de cartos nunca veñen mal, non vaia ser que pareza que non quero que me toque. Tamén é certo que, co que xogo, difícil que se me poña a vida patas arriba. Pero xa se sabe. O importante é a saúde. E o amor. Diso moi ben, grazas!