Será casualidade pero que de súpeto apareza persoal sanitario que queira traballar no Hospital Comarcal de Valdeorras —despois de meses e incluso anos dicindo que ninguén quería vir— e se anuncien compras que levaban tempo sendo necesarias —o ecógrafo pedía xubilación cando me facían as probas do embarazo, e a pequecha xa ten dous anos e medio— todo arredor da data da multitudinaria manifestación polas rúas do Barco... a min faime pensar que casualidade non é. Que as cousas levan o seu tempo, e máis na administración, entendo que si; pero crer que todo sexa unha casualidade paréceme ser moi xenerosa. Por iso foron tan desafortunadas as palabras do conselleiro cando pasou por Valdeorras a tres días a manifestación, asegurando que nas rúas non se defende a sanidade pública. E algo de razón tiña, porque onde se defende é votando. Pero seguro que niso estaban pensando en Santiago cando, de súpeto, a vella listaxe de demandas de Valdeorras deixou de estar ao final do montón para situarse enriba de todo. Será casualidade... igual si. Pero bendita casualidade. Porque agora o hospital comarcal vai camiño de estar moito mellor do que estaba nos últimos tempos. E iso é unha grande nova ante a evidencia cada día máis certa de que a autovía A-76 entre Valdeorras e Ourense nunca vai ser unha realidade. Foi desafortunada a manifestación? O conselleiro debería estar contento de ver o orgullo dos valdeorreses polo seu hospital, ese polo que levan loitando moitos anos, como se os do rural non mereceran servizos como os da cidade. Os valdeorreses poden estar contentos de como o defenden.