O meu Vuitton

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

Pásame cando vou mercar alimentos que ás veces miro nas bolsas por se no medio da froita caeu un bolso Louis Vuitton ou se xunto ao peixe vai un anel de ouro con diamante incluído. Porque a diario comprobo, non sen certo asombro, que a cesta da compra está cada vez máis cara, sobre todo se un quere comer saudable. Na casa facemos moito a comparativa de cantos falsos donuts teríamos mercado co que custan os aguacates, a piña ou os plátanos que metemos no cesto. E sen dúbida serían moitos. Que mercar bolos industriais non é o recomendable, de seguro que non, pero que os prezos fan ás veces insostible o sistema, tamén. É fácil entender que quen vai xusto de cartos escolla certos alimentos en lugar doutros, porque enchen máis, así que ademais de ser máis baratos, dan máis de si. E o peixe ás veces leva prezo de marisco en época navideña. Son as toladas do sistema. Os produtores están achicados polos baixos prezos, que ameazan centos de explotacións gandeiras e agrícolas en Galicia, pero en cambio o consumidor só ve prezos que medran sen parar, ás veces con subidas inexplicables. Só así se entende o deste ano coas castañas. O que baixaba o lombo no souto levaba 1,5 ou 1,8 euros por quilo; e despois ao consumidor chegaban incluso ata a seis. E así con demasiadas cousas. Como pode custar un quilo de plátanos un euro máis dunha semana para outra? Como pode ser que xa non sexa posible atopar froita por menos dun euro? De feito, é case unha odisea atopala por menos de dous. As noces son moi boas, si, pero a 6,5 euros o quilo máis que boas semellan chapadas en ouro. Saben cantos falsos donuts se poden mercar con eses cartos?