Preocupada

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

24 nov 2021 . Actualizado a las 10:55 h.

Coa maternidade vén aparellada a preocupación. Nunca máis volves saber o que é a tranquilidade, porque sempre hai algún medo polo medio. A que xurda algunha enfermidade, a que teña un accidente cando se empeña en subir máis alto do que dan as súas pernas, a que... a mil cousas que poden pasar. E iso acéptoo. Supoño que é normal e que é o que lle pasa a todo aquel que ten un fillo (e se pode chamar pai, no concepto real da palabra, non só no puramente biolóxico). O que me nego a aceptar é que vexamos como normal que como nai dunha pequecha teña que estar máis preocupada que se tivera un neno. Non agora, pero si pensando en cando queira saír de noite, ou cando teña unha relación, ou cando queira viaxar lonxe. Négome a pensar que non imos ser quen de mudar o mundo para que as rapazas deixen de oír iso de «non vistas así, non volvas soa de noite, non pases por tal sitio». Quero que a pequecha sexa libre para ir por onde lle pete, con quen lle pete (ou soa) e como lle pete. Que lle deamos as claves para que saiba distinguir o camiño a seguir do que non debe coller (en calquera faceta da vida) será o noso traballo como pais, pero aínda que nalgún momento se equivoque (ou nos equivoquemos) o que non pode ser é que iso sexa unha desculpa para poder dicir «é que...». É que nada. Unha rapaza non debería ter menos dereitos que un rapaz. Podería ser a columna que escribira unha defensora do voto feminino nos anos 30, unha defensora do aborto nos 80... Fomos conseguindo cousas, pero aínda queda moito por andar. E moito que educar. Oxalá máis educación en igualdade. E menos reguetón machista.