Berlanga, es ti?

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

19 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos na casa mirando se Berlanga está rodando unha nova película. É a posibilidade que se nos ocorre cando falamos do que pasa en Ourense e buscamos unha explicación. E a rodaxe de Berlanga parécenos o máis coherente. Esa cidade na que gobernan uns que non se falan, pero que volveron xuntarse despois de separarse antes porque os outros tampouco chegaban a nada. Esa traxicomedia en 25 millóns de actos nas que se ten convertido o goberno e as súas disputas e ocorrencias, entre as que hai que recoñecer que hai algunhas graciosas. Ese lugar onde vén unha plusmarquista mundial e subcampiona olímpica participar na san Martiño e agora vai ti saber se non terá que acabar no xulgado para poder cobrar (como lle corresponde, que para iso firmou un contrato). Por se fora pouco xa todo iso, ao do guión ocorréuselle aderezalo todo cun novo capítulo da pandemia, coa cidade liderando os casos de coronavirus en Galicia, nunha provincia que parece chamada, unha vez máis, a ser inicio dunha nova onda. Xa serían seis. E aquí só empeza, despois sigue varrendo cara a costa. Nin pensar quero en volver atrás e que volvamos pasar un Nadal como o de 2021. Pero hai quen a película a ve desde o outro lado e todo está marabilloso (ao estilo de película romántica de domingo á tarde, con mantiña no sofá mentres fóra chove). Quedo co comentario dunha OTV (Orensana de Toda la Vida, si, sen ou) que cando o pasado mércores lle daban un folleto para ir á manifestación de SOS Ourense comentaba coas amigas nunha terraza do Paseo: «A mí lo que me parece mal es que el texto venga en gallego». Nada máis que engadir, señoría.